O Pazo da Cultura de Carballo transfórmase para a inauguración da exposición “Versión orixinal” do FIOT

O Pazo da Cultura de Carballo transfórmase para a inauguración da exposición “Versión orixinal” do FIOT

Seguindo o tema central do festival, tres artistas carballeses interveñen a sala de exposicións do Auditorio do Pazo da Cultura para poñer en común as súa visión do Outono de Teatro.

As súas obras estarán expostas dende este xoves día 8 ata o 1 de novembro e poderanse visitar de forma gratuita.


 

No marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo inaugúrase este xoves 8 ás 20.30h a exposición “Versión orixinal”, na que tres artistas carballeses, Eva Facal, Mon Lendoiro e Laura Tova interpretan a través das suas obras o fío condutor desta 24 edición do Outono de Teatro.

Para iso farán súa a sala de exposicións do Auditorio do Pazo da Cultura, transformando por completo este espazo, aínda que o resultado é unha sorpresa que ningún dos artistas quere desvelar ata o momento da inauguración. O que si se pode adiantar é que a intervención da sala forma parte do proceso creativo e suporá un cambio sustancial respecto ao seu aspecto actual.

Cada un dos artistas reflectirá a través da súa obra o que para eles significa a “versión orixinal” – a liña argumental sobre a que o FIOT xira nesta edición-, é dicir, tres versións diferentes sobre un mesmo concepto e idea. As obras reclaman o protagonismo da súa propia voz, onde converten ao espectador en cómplice da súa verxión orixinal. Mon Lendoiro optará por unha pintura misturada con collage, Laura Tova exporá unha obra pictórica fusionada con outros elementos e Eva Facal montará unha instalación. O resultado: tres obras fusionadas nunha soa, pero cada unha con entidade propia.

A exposición será inaugurada polo presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ao longo do acto haberá un recital poético a conta de Paco Souto. A mostra, que é gratuita, permanecerá aberta ata o vindeiro domingo 1 de novembro.

Expertos en transformar espazos públicos

Os tres artistas xa coincidiron anteriormente noutros proxectos, destacando entre eles a iniciativa “Derrubando muros coa pintura”, impulsada polo Concello de Carballo co obxectivo de converter a cidade nunha gran galería de arte ao aire libre e así paliar os efectos do feísmo no entorno urbano.

A artista Eva Facal, sobriña do escultor carballés Manuel Facal, acumula unha traxectoria de 15 anos no mundo das artes plásticas. Formada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, traballou como deseñadora en empresas de publicidade e grandes compañías e actualmente dedícase ao seu obradoiro de debuxo e pintura en Carballo. Forma parte da Asociación Crea Formas, á que tamén pertencen Mon Lendoiro e Laura Tova.

Tras o seu paso pola escola de Arte e Deseño Superior Pablo Picasso da Coruña e curtida en talleres con algúns dos máis grandes ilustradores (Chris Haughton, Pablo Amargo e Miguel Tanco), Laura Tova é toda unha experta en ilustración, deseño e arte urbano.

Pola súa banda, Mon Lendoiro é un dos pintores e ilustradores máis polifacéticos de Carballo e todo un referente no seu pobo natal. Recentemente inaugurou unha nova galería en Carballo, Garabato, e é o presidente da Asociación Crea Formas, que aglutina a pintores, fotógrafos, deseñadores e ilustradores de toda a comarca de Bergantiños.

expo2