O Pazo da Cultura de Carballo acolle o campamento nocturno da “Noite branca” do Fiotiño para envolver aos máis cativos coa maxia do teatro

O Pazo da Cultura de Carballo acolle o campamento nocturno da “Noite branca” do Fiotiño para envolver aos máis cativos coa maxia do teatro

Por terceiro ano consecutivo volve unha das actividades con máis éxito entre os rapaces amantes do teatro, que xa cubriu todas as prazas no seu primeiro día de inscrición.

Desde as 19.00h deste venres 2 ás 11.30h do sábado 3, 25 nenos serán protagonistas de divertidos obradoiros que os achegarán ao teatro nun horario moi especial: a noite.

Este ano triplicáronse as actividades do Fiotiño para case 60 rapaces, engadindo a este campamento nocturno dous novos obradoiros durante todo o mes de outubro.

Tamén ás 19.00h Os Quinquilláns ofrecerán un pasarrrúas no xardín municipal e ás 21.00h, a estrea para toda España de “Múltiple”, de Antón Coucheiro, abre a XVII Rúa dos Contos que oferta 9 divertidos espectáculos durante esta fin de semana en bares e pubs de Carballo.


 

O campamento nocturno que o Fiotiño celebra desde hai tres anos volve con folgos renovados ao Pazo da Cultura baixo o nome de “Noite branca no teatro”. Nesta nova edición, 25 nenos de 6 a 12 anos coñecerán os segredos do teatro in situ nun horario moi especial: na noite deste venres 2 ao sábado 3. Este ano era moi alta a expectativa sobre a programación do Fiotiño, que a día de hoxe xa ten esgotadas as prazas non só para a “Noite branca”, senón tamén para o resto dos catro obradoiros.

O grupo de nenos participantes protagonizará divertidos obradoiros que os achegarán emocionalmente ao teatro, conectándoos co mundo do FIOT e converténdoos en protagonistas do “momento de contar un conto” para os espectadores da platea. A cea, a noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte forman parte da escenografía e da aventura lúdica chea de sorpresas e moito teatro.

En canto á dinámica da “Noite Branca”, tras unha presentación grupal na tarde do venres ás 19.00h, os nenos participarán en exercicios teatrais básicos para perder o medo escénico e así prepararse para os posteriores obradoiros de creatividade escénica, nos que eles mesmos decidirán que contidos abordar e como facelo. A partir de aí, durante as seguintes 8 horas –mailas dedicadas ao sono- crearán un tecido de historias que se representará ante os pais na mañá do día seguinte e que se converterá no punto álxido da “Noite branca”.

O obxectivo deste campamento é que sexan os propios rapaces os que conten a través da súa experiencia o que sucederá no FIOT, desenvolvendo actividades nas que non só sexan espectadores, senón os auténticos protagonistas.

PROGRAMA DA “NOITE BRANCA”

VENRES 2
19.00h. Recepción dos participantes.
19.15-20.00h. Presentación. Xogos e dinámicas de presentación e desinhibición.
20.00-21.30h. En escena. Realización dunha batería de dinámicas e exercicios teatrais básicos para romper o medo escénico convertendo o escenario nun espazo de xogo. Nesta primeira actividade tentaranse activar resortes tan indispensables como a expresión corporal, a xestualidade, a voz,…
21.30- 22.15h. Cea.
22.15-24.00 h. Onde nacen os contos. Obradoiro de creatividade escénica onde nenos e nenas decidirán que contidos abordar e como abordalos no espectáculo final. Recurrirase a exercicios de creatividade grupal e dinámicas de creación escénica.
00.00-00.40 h. A hora do conto. Antes de marchar en busca dos “Soños”, farase unha pequeña viaxe polo mundo dos contos.
00.40–08.00h. Cae a noite entre bambolinas.

SÁBADO 3
08.00- 08.30h. Aeróbic cómico. Actividade física, lúdica e sobre todo cómica para desperezarse e comezar o día coa enerxía que dá a risa. Xogos de comicidade, busca do clown interior, exercicios de risoterapia. etc.
09.30- 10.00h. Almorzo.
10.00–11.00h. Ensaio xeral. Antes da estrea ante os pais, o grupo fará un repaso final para tomar posición en escena, medir os tempos, vivir o traballo en equipo, xestionar os nervios e medos escénicos finais e, xa por fin, gozar da ilusión de ver o traballo rematado.
11.00-11.30h. Actuación “Hoxe contamos nós” ante os pais.
11.30h. Despedida.

Fiotiño todo outubro

Co obxectivo de seguir achegando as artes escénicas ao público de todas as idades, nesta 24 edición as actividades dedicadas ao público infantil do FIOT decidiron ampliarse con outros dous interesantes obradoiros, cada un con 15 prazas. O primeiro deles, denominado “Como facer un conto?” terá lugar o próximo sábado 10 de outubro (11.00 a 13.00h) no Pazo da Cultura, estando dirixido a rapaces de a partir de 9 anos. Trátase dunha experiencia para estimular a linguaxe oral, a imaxinación e a creatividade, ademais de xogar coas propias emocións e as dos compañeiros para mellorar a empatía e a autoestima.

A terceira proposta do Fiotiño 2015 leva por título “Locutores de radio”. Será todos os sábados 17, 24 e 31 de outubro (de 11.00 a 13.00h) na Biblioteca Rego da Balsa. En tres xornadas intensas, os 15 asistentes (nenos a partir de 10 anos) aprenderán a escribir e dramatizar un guión teatral para radio. Serán tres xornadas para vivir unha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo nas instalacións da nova biblioteca do Rego da Balsa.

Primeiro fin de semana da Rúa dos Contos

Á mesma hora que os nenos entran no teatro para vivir as artes escénicas desde as bambolinas, toda a a vila de Carballo se transformará nun gran escenario. Ás 19.00h, Os Quinquilláns ofrecerán un divertido pasarrúas para nenos e maiores no que recrearán unha expedición polos fondos mariños baixo o evocador título de “Conto de sal”.

Dúas horas máis tarde, ás 21.00h arrancará no mesón A Cabaña a XVII edición da Rúa dos Contos coa estrea a nivel nacional do espectáculo “Múltiple” de Antón Coucheiro (entrada libre). En total, o festival máis gamberro do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), que está a punto de cumprir a maioría de idade, ofrecerá para o público máis noctámbulo 9 espectáculos durante esta fin de semana.

Na cafetería Colón (22.30h), a narradora Paula Carballeira dará vida a varias historias que teñen como eixo vertebrador a memoria en “Os contos que non me contaron” (entrada libre) e á medianoite, a cervexaría A Boa Estrela vibrará co “Humor Salvaxe” do contador ferrolán Pepo Suevos (entrada 3€).

O sábado 3, a compañía Daboapipa levará ao bodegón O Pescador (21.00h) “Historias de vida, amor, guerra e case morte” (entrada libre) e o cantante do grupo arteixán Os Revenidos, Manuel de Eva fará gala do seu talento como monologuista en “Vip, vas indo pureta” na cervexaría Ágora (22.30h, entrada libre). Á medianoite, o trío Chanson Mor Món estreará en Galicia o concerto teatralizado sobre hits pasados en “El fin del mundo está cerca”. Será na Barra Bar con entrada de 3€.

O domingo 4, o escenario da Rúa dos Contos instálase por cuarto ano no Mercado Municipal (2º andar) coa sesión dobre (dúas funcións por 5€) protagonizada por dous grandes referentes do panorama teatral. Ás 20.00h, o mestre da narración Félix Albo presenta “El pueblo de los mellados” e hora e media máis tarde (21.30h), os incombustibles Mofa e Befa lanzan o seu espectáculo “Sempre ao lonxe”, que substitúe a “A Galiña” por motivos alleos á organización do FIOT.

As entradas para a sesión dobre do domingo 4 poden adquirirse con anterioridade a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova), no teléfono 902 504 500 (9.00 a 22.00h), ou o mesmo día do espectáculo na billeteira do Mercado Municipal a partir das 19.30h. Os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte terán o 50% de desconto presentando o seu carné. Para o resto de funcións con entrada, os tickets compraranse nos locais colaboradores.