O mestre do humor Joan Estrader impartirá o Taller de Humor para Torpes do FIOT

O mestre do humor Joan Estrader impartirá o Taller de Humor para Torpes do FIOT

Con prazas limitadas, este obradoiro celebrarse o sábado 10 pola mañá e o prazo de incripción remata este venres 9 de outubro.


 

No marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo celebrarase o Taller de Humor para Torpes, que impartirá o mestre do humor absurdo Joan Estrader e que ten como obxectivo potenciar as cualidades cómicas de cada un dos participantes, atopando o placer ríndose dun mesmo.

Na mañá do sábado 10 (de 10.30 a 13.30h) no Pazo da Cultura, as persoas inscritas (que non teñen por que ter experiencia escénica) poderán desenvolver a súa comicidade utilizando como ferramentas a improvisación, o xogo e a complicidade co compañeiro e co público. Trátase dun curso moi práctico e pouco teórico, no que os participantes poderán gozar sen medo ao ridículo.

Este obradoiro ten todos os alicerces para a diversión dos seus participantes, non só polo seu contido, senón tamén pola personalidade e traxectoria de Joan Estrader. Membro fundador da compañía Pez en Raya, xunto con Cristina Medina, é todo un referente do humor extravagante que percorreu os escenarios de medio mundo e que se formou como clown na École Philippe Gaulier de Londres e con outros mestre como Théâtre de Complicité, Monika Pagneaux e Marcello Magni.

Inscricións e prezo

Os interesados en participar deberán inscribirse no Pazo da Cultura ou no enderezo electrónico fiot.carballo@gmail.com antes do 9 de outubro, xa que está limitado a 15 prazas e ten un custe de 20 euros.

Joan Estrader tamén se transformará en Mr. Kebab na obra “Juancállate” da súa compañía Pez en Raya, que a mesma noite do sábado (21.00h) se representará no Mercado Municipal no marco das sesións dobres da Rúa dos Contos.

As entradas para as sesión dobres da XVII Rúa dos Contos poden adquirirse con anterioridade a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova), no teléfono 902 504 500 (9.00 a 22.00h), ou o mesmo día do espectáculo na billeteira do Mercado Municipal a partir das 19.30h. Os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte terán o 50% de desconto presentando o seu carné.

Consultar a programación completa da XVII Rúa dos Contos