O FIOT outorgará o Xograr de Outono 2017 á actriz Mónica Camaño

O FIOT outorgará o Xograr de Outono 2017 á actriz Mónica Camaño

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorgará na XXVI edición o Xograr de Outono 2017 a Mónica Camaño. A entrega do galardón terá lugar ao longo da XXVI edición do festival no mes de outubro. A elección do galardonado foi adoptada na reunión anual de Xoglares do Outono de Teatro que se celebrou o este luns 10 de xullo en Santiago, ao que asistiron os anteriores galardoados co Xograr de Outono, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Cándido Pazó, Marcelino de Kukas, Susana Dans e Miguel de Lira (disculpando a súa asistencia por razóns de traballo Quico Cadaval, Artur Trillo, Paula Carballeira e Eduardo Rodríguez “Tatán”), xunto con Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte e outros organizadores do FIOT.

Con este premio o xurado do Xograr de Outono quere recoñecer a intensa, diversa e importante traxectoria profesional de Mónica Camaño, -con máis de 30 anos de percorrido-, que pola súas características define o perfil do Xoglar que nos gusta destacar co galardón, xa que traballa activamente tanto como actriz de teatro como en cine e televisión, ademais de ter un compromiso activo co sector cultural.

 

TRAXECTORIA ARTÍSTICA

Mónica Camaño (Cangas do Morrazo, Pontevedra 1971) comezou a súa andadura profesional nos anos 80 en Santiago de Compostela, da man do grupo de mimo Ancoradouro, que a levou ata a Aula de Teatro da USC, alternando montaxes e cursos de arte dramática, ao tempo que se licencia en Filoloxía Galego-Portuguesa.

No teatro comezou a súa traxectoria profesional na escena galega traballando no Centro Dramático Galego, Teatro do Aquí, Teatro Bruto, Teatro de Ningures ou Teatro do Morcego, entre outros, con directores como Roberto Vidal Bolaño, Xan Cejudo, Celso Parada, Julio Cardoso, Etelvino Vázquez, Manuel Lourenzo ou Álvaro Lavín. Destaca tamén que desde o 2008 integra o proxecto de Teatro Nu, que xunto ao actor e director portugués Zé Paredes, no que poñen no centro da escea a palabra poética, achegando as realidades dos seus países.

A súa presenza nos escenarios galegos é constante en numerosos espectáculos que tiveron presenza no FIOT e na programación anual en Carballo, en obras recentes como en As do peixe de Abrapalabra Creacións Escénicas, en A Nona e Kevtch de Teatro do Morcego, Bailadela de la muerte dichosa de Teatro de Ningures, entre moitas outras. A traxectoria de Mónica Camaño está moi vinculada ao cine e a televisión coa súa participación en proxectos como as longametraxes, O lapis do carpinteiro (2003), de Antón Reixa, Sincopado 2 (2003), Santa Liberdade (2004), Pataghorobí (2005), Máis ca irmáns (2005), A biblioteca da iguana (2005), Hai que botalos (2005), O bosque de Levas (2006), Coralia e Maruxa. As irmáns de Fandiño (2007), Efectos secundarios (2007), O clube da calceta (2008), A cicatriz blanca (2012). Tamén participou en series de televisión de grande éxito en Galicia, como en Galicia Exprés (2000), Terra de Miranda (2001), As leis de Celavella (2003), Cuarto sen ascensor (2004), Maridos e mulleres (2005), A vida por diante (2006), Matalobos (2009-2013) e Códice (2014).

Cabe destacar tamén que Mónica Camaño na súa vida profesional exerceu de directora de varios espectáculos teatrais, ademais de ser parte activa na dinamización teatral grazas ao seu traballo con grupos de teatro afeccionado.

 

PREMIOS

Despois de ser nomeada como mellor actriz principal e secundaria en numerosas ocasións, por espectáculos como A burla do Galo de Roberto Vidal Bolaño, Rosalía, Misericordia, A señorita Xulia ou Kvetch, sendo premiada no ano 2008 co Premio María Casares á mellor actriz secundaria polo espectáculo Emigrados. Ademais foi galardoada no ano 2013 o Premio Maruxa Villanueva á mellor interpretación teatral polo espectáculo As do peixe.