O FIOT inclúe na súa programación de sala desta fin de semana dúas estreas de envergadura

O FIOT inclúe na súa programación de sala desta fin de semana dúas estreas de envergadura

Mañá sábado 24 terá lugar a estrea mundial de “Los esclavos de mis esclavos”, unha obra de Producciones Meridional, compañía gañadora do Premio do Público do FIOt 2003.

O escenario do Pazo da Cultura tamén será testemuña da estrea en Galicia da peza “Locus Amoenus”, da compañía Atrebandes, que conta cunha ampla proxección internacional.

O teatro galego estará representado hoxe venres por grandes actores e actrices na comedia política “Presidente”, que conversarán previamente cos espectadores no “Café con…”.

Hoxe ás 21.00h farase entrega do Xograr de Outono 2015 á dama do teatro galego, Susana Dans, que destaca pola súa participación nas máis importantes compañías galegas.

No marco do Fiotiño, terá lugar unha nova sesión do obradoiro “Locutores de radio”, que se celebrará o sábado 24 no Pazo da Cultura.


 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) inclúe na súa programación de sala desta fin de semana dúas estreas de envergadura, entre as que destaca o debut mundial este sábado 24 ás 21.00h da obra “Los esclavos de mis esclavos”(10€), da compañía madrileña Producciones Meridional, coa que o festival mantén unha longa relación e que foi merecedora do Premio do Público do FIOT en 2003.

Trátase dunha obra de grande intensidade, que parte do pequeno microcosmos dun secuestro para falar do macrocosmos humano e xeopolítico no que estamos inmersos. Nesta esperada peza teatral, Producciones Meridional mestura o serio co humor e co poético e busca, ao memo tempo, a complicidade do público.

O argumento fala de dous homes e unha muller secuestrados nunha cova, nas montañas de Afganistán, xunto coa muller en burka que lles leva a comida. Sobre o escenario, catro vítimas da situación xeopolítica e do seu propio desexo de acción. Como sobrevivirán?

O Ciclo OTNI estrea “Locus Amoenus”

Outra das estreas desta fin de semana vén da man do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que traerá este domingo 25 ás 21.00h a Galicia a obra “Locus Amoenus” (3€), dos cataláns Atresbandes, unha compañía que, pese á súa xuventude, ten xa unha relevante proxección internacional.

Gañadora do Premio á Mellor Dirección no Skena Up Festival de Kosovo e finalista do Premio BBVA de Teatro, trátase dun traballo de creación colectiva, representado desde a naturalidade e inspirado no relato “El Túnel”, de Friedrich Dürrenmatt.

Esta peza vai na procura do “Locus Amoenus”, un lugar idílico, de confort, que na actualidade é sinónimo de pracer, xuventude eterna e vacacións da realidade. Na busca dese estado atópanse as súas personaxes, que conversan entre eles mentras esperan o descarrilamento do tren no que viaxan e que terá como consecuencia inevitable a súa propia morte.

Ampla representación do teatro galego

Na programación de sala haberá unha ampla representación do teatro galego da man de grandes actores e actrices que actuarán hoxe venres ás 21.00h na comedia política “Presidente”(7€), protagonizada polo Xograr de Outono do FIOT, Celso Parada, que estará acompañado por rostros ben coñecidos da escena teatral da nosa comunidade como César Goldi, Federico Pérez, Iolanda Muíños e Merce Castro.

A compañía galega Teatro do Morcego preséntanos esta obra recentemente estreada de Xosé L. Prieto, un xoven autor galego que xa ten varios premios Max e María Casares. O argumento céntrase na campaña electoral do Presidente, que visita persoalmente os votantes nas súas casas para convencelos de que a súa opción é a mellor. A través de familias de distintos contextos sociais e ideolóxicos, o Presidente non desiste ante o que vaticinan as enquisas e intentará construír unha versión dos feitos a súa medida. Quen saberá despois cal é a orixinal?

Antes da función, ás 19.00h, terá lugar o “Café con…”, no que os espectadores poderán conversar coa compañía e actores de “Presidente” para coñecer de primeira man a obra e resolver dúbidas e curiosidades mentras gozan dun agradable momento tomando un café.

Susana Dans, Xograr de Outono 2015

Coñecida como a dama do teatro galego debido á súa impecable traxectoria profesional sobre os escenarios, o Xograr de Outono deste ano vai parar ás mans de Susana Dans, unha actriz que destaca polas súas grandes interpretacións nas máis importantes compañías galegas, así como por ter un dos currículos artísticos máis completos das actrices na nosa comunidade.

Dado que este nomeamento honorífico do FIOT se concede a unha persoa ou entidade que acumula un papel activo na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia, o xurado considera que a figura de Susana Dans non pode ser máis axeitada.

O seu estilo e profesionalidade sobre os escenarios son ben coñecidos polo público carballés por ter participado en moitos espectáculos, tanto do FIOT como doutros programas culturais, ademais de polos seus traballos en televisión e cine. O acto de entrega do galardón será hoxe ás 21.00h, previo á función de “Presidente”.

Nova sesión do obradoiro de radio do Fiotiño

Para continuar coas actividades dedicadas ao público infantil do FIOT, este sábado 24 entre as 10.30 e as 13.00h celebrarase a segunda sesión do obradoiro “Locutores de radio”, no que 15 rapaces a partir de 10 anos aprenden a escribir un guión para a radio vinculado ao mundo do teatro.

Trátase dunha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo a través dun divertido xogo de radio para dramatizar e crear historias. Ademais desta semana, o vindeiro 31 de outubro volverá ter lugar este taller na Biblioteca Rego da Balsa. Debido á gran demanda, todas as prazas para este obradoiro xa están esgotadas.

Entradas dispoñibles para todas as obras

Xa están dispoñibles as entradas para ver a estrea mundial de “Los esclavos de mis esclavos” e o espectáculo de creación colectiva “Locus Amoenus”. Os interesados poderán reservar as súas butacas a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou chamando ao teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h).

No caso de que nos próximos días aínda quedaran butacas libres, ademais de por Internet, as entradas para a programación de sala poderán mercarse na billeteira do Pazo da Cultura a partir das 19.30h do día da representación de cada obra. Para a obra “Presidente”, que se representa hoxe, aínda quedan entradas libres que se poderán adquirir esta tarde antes da función.