O FIOT de Carballo, premio da Cultura Galega das Artes Escénicas

O FIOT de Carballo, premio da Cultura Galega das Artes Escénicas

O Festival Internacional  Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi recoñecido co Premio da Cultura  Galega 2018 na categoría de Artes Escénicas.  O fallo do xurado coñeceuse onte na Cidade da Cultura de Santiago. Estes galardóns son propiciados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia co obxectivo de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos ámbitos das letras, das artes plásticas, das artes escénicas, da música, do audiovisual, da lingua, do patrimonio cultural e da proxección exterior, que son as oito modalidades que contemplan os galardóns.

Sobre o  FIOT a Consellería destaca a traxectoria do festival  e como nos seus 27 anos de vida converteuse en “todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galicia”.

Unha vez coñecido o fallo do xurado o presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza, mostrouse “grata e inesperadamente sorprendido porque nin sequera sabiamos que eramos candidatos”.

Tras apuntar que o galardón “é unha honra e unha satisfacción”, Sueiro declarou que “o FIOT leva case 30 anos traballando para achegar o teatro á xente desde un pobo e este premio confirma que se poden facer grandes cousas desde os pobos, non fai falta ser una capital ou unha gran cidade para facer cousas de interese xeral”.

“Hoxe, recén premiados, no FIOT lembrámonos de todos os que durante estes anos axudaron e colaboraron con Telón e Aparte. Este premio anímanos a seguir traballando para que Carballo siga sendo o corazón das artes escénicas de Galicia”, concluíu Alberto Sueiro.