O FIOT de Carballo estreará a súa 25ª edición nun ambiente festivo e cheo de humor

O FIOT de Carballo estreará a súa 25ª edición nun ambiente festivo e cheo de humor

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), presentaron este sábado no Pazo da Cultura de Carballo a imaxe da súa 25ª edición, na que se transmite o ambiente festivo e cheo de humor co que se quere celebrar esta importante traxectoria.

O presidente da A.C. Telón e Aparte, Alberto Sueiro, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presidiron o acto, no que estiveron acompañados pola actriz carballesa María Tasende, unha das protagonistas da imaxe deste ano e que tamén é un rostro coñecido do panorama televisivo español.

Durante a rolda de prensa, Alberto Sueiro explicou o significado da imaxe principal, na que aparecen os actores María Tasende, Rober Bodegas e Alba Bermúdez. “O obxectivo era facer un paralelismo entre as vodas de prata do FIOT e o xurdimento dunha xeración de actores profesionais nestes últimos 25 anos, para o cal decidimos contar con algúns dos artistas carballeses máis coñecidos”, sinalou Sueiro.

O presidente da A.C. Telón e Aparte salientou que a tarta simboliza non só a celebración por este aniversario, senón tamén unha “referencia indirecta” ao teatro de clown, que tanta presencia ten en cada edición do festival. Sueiro agradeceu a cada un dos actores a súa colaboración e tamén a Juan Gende, o deseñador da imaxe.

Pola súa banda, o alcalde Evencio Ferrero puxo en valor o festival como un fito que crea identidade. “O teatro en Carballo é algo máis. Xa é todo un referente en Galicia e comeza a selo en España gracias ao nivel da súa programación e da simpatía e complicidade que ten co público”, afirmou o rexedor carballés.

 

cartelO 16 de setembro comeza a venda para Yllana 25

Para esta 25ª edición, o FIOT tamén conta coa participación dunha compañía moi querida polo público carballés, a madrileña Yllana, que desde o ano 1997 actuou en nove ocasións no festival, traendo os seus trepidantes gags, que son un referente do humor xestual dentro e fóra de España.

O 23 de setembro Yllana encargarase de abrir o FIOT cun prólogo festivo moi especial, o seu espectáculo Yllana 25, no que recolle os 25 mellores sketches da súa traxectoria e que chegará a Carballo case de estrea, xa que só se representará unha vez antes da súa cita na capital de Bergantiños.  O custo da entrada de Yllana 25 non estará incluída no prezo dos bonos e poderá adquirirse entre o 16 e 22 de setembro a un prezo de 10 euros para o público en xeral e de 5 euros para os socios da A.C. Telón e Aparte.

Alberto Sueiro indicou que a próxima semana se presentarán todos os detalles das actuacións do FIOT 2016.

 

Cambio no sistema de televenda de entradas

Outra das novidades da presente edición será o cambio no sistema de televenda de entradas, que se realizará a través da plataforma Ticketea, co obxectivo de potenciar a venda anticipada de entradas e ofrecer un mellor servizo, rebaixar custos para o usuario e potenciar a súa difusión.

A compra de entradas poderá facerse a través de múltiples canais: na plataforma Ticketea, pero tamén  a través de páxina do festival (www.fiot.gal) e da súa páxina de Facebook.

O público en xeral poderá mercar os bonos e as entradas soltas a partir do 21 de setembro, mentras que os socios da A.C. Telón e Aparte poderán facelo entre o 17 e 20 deste mes mediante vía telefónica. No caso de acudir directamente á billeteira do Pazo da Cultura, a adquisición de entradas estará dispoñible ata 90 minutos antes do comezo de cada función. Os prezos dos bonos e das entradas serán similares aos do ano pasado.