O FIOT de Carballo desenvolve por segundo ano a novidosa Escola do Espectador baixo a batuta do crítico teatral Camilo Franco

O FIOT de Carballo desenvolve por segundo ano a novidosa Escola do Espectador baixo a batuta do crítico teatral Camilo Franco

Conducida por Camilo Franco, un dos críticos de teatro máis relevantes de Galicia, é unha actividade dirixida a quen queira aprender ou ampliar a súa mirada e visión sobre as artes escénicas da man dun experto.

Desenvolverase en catro sesións de periodicidade semanal os martes 6, 20, 27 e outro día a determinar polos asistentes ás 20.30h no Pazo da Cultura de Carballo.

Os interesados poden anotarse desde hoxe mesmo en fiot.carballo@gmail.com ou pedir máis información no teléfono 981 704 300.


 

Por segundo ano consecutivo, e tras o éxito acadado na pasada edición, a organización do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) apostou por continuar coa novidosa Escola do Espectador. Este espazo de aprendizaxe, que volve estar dirixido por Camilo Franco, un dos críticos teatrais máis relevantes de Galicia, é unha actividade aberta á que poden acudir os amantes do teatro que queiran aprender ou ampliar a súa mirada e visión sobre as artes escénicas da man dun experto.

Utilizando como referente as nove obras de sala que van pasar polo FIOT, así como as catro do ciclo OTNI, Franco guiará os encontros para facilitarlle aos asistentes as claves para a comprensión e a análise dos espectáculos previa á súa representación no Pazo da Cultura de Carballo. Nestas aulas abertas irá reparando nos distintos discursos que ten unha función no teatro: o textual,o xestual, o lumínico, a dirección ou a interpretación a partir de xéneros como a comedia, a política ou os clásicos.

As sesións desenvolveranse os martes de outubro: 6, 20 e 27, quedando pendente unha cuarta que se fixará en función da dispoñibilidade dos asistentes. Serán todas no Pazo da Cultura de Carballo ás 20.30h.

A temática das sesións será a seguinte:
• 6/10: Comedia e comedias. Como rirse hoxe.
• 20/10: Teatro político. Do panfleto á intervención.
• 27/10: Como volver aos clásicos cada vez.
• Día por determinar: Que pasa no teatro cando non é un xénero.

A Escola do Espectador enmárcase na filosofía de achegar ao público ao festival e complementa outros espazos informais como o “Café con…” nos que, antes de cada obra, parte do elenco da compañía se reúne cos espectadores para explicarlles a concepción do espectáculo, entre outros aspectos. De feito, na presentación do FIOT 2015 o pasado 16 de setembro, a organización destacou que tras 24 anos de traballo, o seu obxectivo é “ampliar e fortalecer os lazos que unen ao Outono de Teatro co público xa que este é o propósito último co que traballamos de novembro a outubro porque no público está o alento, a forza e o futuro do FIOT”.

Inscricións

Os interesados en anotarse na Escola do Espectador poden facelo no email fiot.carballo@gmail.com desde hoxe mesmo. A asistencia é libre. Para máis información, o teléfono de contacto é o 981 704 300, ext. 2 ou a través do mesmo correo electrónico.

O FIOT, 37 días de programación

Ata o 31 de outubro, un diverso e completo XXIV FIOT potenciará a relación co público para afianzar Carballo como a capital teatral do outono galego. En total, serán 37 días de intensa actividade polos que discorrerán 34 espectáculos, 4 estreas absolutas, 1 delas dunha compañía de fóra de Galicia (Producciones Meridional con “Los esclavos de mis esclavos”), 10 estreas de espectáculos en Galicia, compañías de 7 comunidades autónomas e 2 países (Portugal e Arxentina), tanto consolidadas como emerxentes; e referentes como as actrices Blanca Portillo e Charo López, premios nacionais de teatro, premios Max e María Casares; ou Inma Cuevas e os directores Yayo Cáceres, de Ron Lalá Teatro e Agustí Villaronga, realizador da premiada película “Pa Negre” nos Goya 2011.

O FIOT está coorganizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo; e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Agadic, da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura a través do Inaem, así como de Fundación Luís Calvo Sanz.

Ver o programa aquí  

escola1