O FIOT de Carballo celebra este domingo a final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”

O FIOT de Carballo celebra este domingo a final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”

Os seis grupos de escolares finalistas volverán a interpretar os seus fragmentos teatrais este domingo ás 18.00h no auditorio do Pazo da Cultura.

Os finalistas foron seleccionados entre as gravacións de 23 grupos formados por 155 nenos e nenas de colexios de Carballo, Coristanco, Laxe e asociacións culturais de Carballo.

Tras a deliberación do xurado, os gañadores recibirán premios patrocinados pola Libraría Brañas, valorados en 850 euros, e Sogama repartirá material entre todos os participantes.

O acto estará presentado pola compañía galega O Circo Chosco, que serán os mestres de cerimonias e amenizarán a final cun espectáculo destinado ao público familiar.


 

O Concello de Carballo e a Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), celebrarán o este domingo 8 de novembro a final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”. O evento terá lugar no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 18.00 horas.

Os seis grupos finalistas foron seleccionados entre as gravacións de 23 grupos, en total 155 nenos e nenas, dos CEIPs dos concellos de Carballo, Coristanco e Laxe e de asociacións culturais de Carballo. O xurado do certame está composto por afeccionados e profesionais do teatro, representantes do ensino e da emisora local Radio Voz.

Así, os grupos que pasan á final son:

1ª CATEGORÍA (grupos de nenos e nenas de ata 10 anos):

– “Que é amor”, do grupo Namorados do CEIP Fogar.
– “A bolboreta e a tartaruga”, do grupo Troula do colexio Artai.
– “Na procura do sol”, do grupo Derrús do CEIP Canosa-Rus.

2ª CATEGORÍA (grupos de nenos e nenas de máis de 11 anos):

– “Ramón”, do grupo Agarimo do IES Parga Pondal.
– “Pelexa no bosque do Añón”, do grupo Nós tamén imos do IES Monte Neme.
– “O Galo Quicorico”, do grupo Bicadela do CEIP Fogar.

Durante a final, os grupos seleccionados volverán interpretar os seus fragmentos teatrais. Tras unha nova deliberación do xurado, realizarase a entrega de premios aos gañadores.

Os premios

Os clasificados recibirán premios patrocinados pola Libraría Brañas, valorados en 850€ e canxeables por libros e material didáctico. Ademais contarase coa colaboración de Sogama que repartirá material entre todos os participantes neste concurso. Tanto Libraría Brañas como Sogama, xunto con RadioVoz Bergantiños, son os patrocinadores deste certame.

O acto estará presentado pola compañía galega O Circo Chosco que, ademais de ser os mestres de cerimonias, amenizarán a final cun espectáculo destinado ao público familiar. A continuación, terá lugar unha “chocolatada” para todos os participantes, que recibirán un diploma e un obsequio que poderá ser recollido polos representantes de cada grupo ao finalizar o acto.