O FIOT arranca esta fin de semana a súa XXVI edición con tres estreas en Galicia

O FIOT arranca esta fin de semana a súa XXVI edición con tres estreas en Galicia

A XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro(FIOT) arranca esta fin de semana tras o “aperitivo” da “Muiñada” de Galeatro do pasado 16 de setembro. A emerxente compañía Cirk About It será a encargada da inauguración oficial este venres 23 de setembro ás 20.30 h na Praza do Concello de Carballo.

O espectáculo, aberto para todos os públicos, consistirá nun traballo corporal moi visual e orixinal, no que os espectadores poderán sentir como se estivesen no salón da súa casa co circo como protagonista, xa que durante case unha hora poderán presenciar acrobacias, saltos, portes, equilibrios e moito humor. Todo da man dunha compañía cunha proxección moi importante e recoñecementos en diversos festivais pola súa grande inquedanza técnica e artística.

O dinamismo da inauguración complementarase coa sucesión de estreas ao longo de toda a fin de semana. A primeira delas será a “El hijo que quiero tener”, un traballo de creación colectiva impulsado pola compañía valenciana El Pont Flotant, coñecida polo seu gusto pola experimentación escénica e a proximidade co espectador.

Esta última características fai que o espectáculo que se verá en Carballo sexa realmente un diálogo interxeracional no que participa o propio público do FIOT, entre os que tamén se atopan veciños de Carballo e comarca. A obra a cargo de El Pont Flotant propón unha experiencia conxunta entre os membros da compañía e persoas de diferentes xeracións, que contará con nenos de entre dez e doce anos e adultos entre 40 e 80.

Esta e outras obras son as que converten ao Ciclo OTNI nunha das grandes apostas deste ano, xa que inclúe no seu programa dúas estreas en Galicia e unha estrea absoluta de carácter internacional. Neste apartado do festival gaña gran relevancia a participación do público, que se converte no indiscutible protagonista.

A Rúa dos Contos regresa con máis forza ca nunca
A “ovella negra” do FIOT, a Rúa dos Contos, non deixará descansar as noites de Carballo durante as próximas tres fins de semana, nas que o público poderá gozar de 12 obras que inclúen excelentes monólogos e moito humor a través da música e da tradición oral, da poesía e do teatro.

O comezo será este venres ás 23 h na Cafetería Colón, coa estrea en Galicia de “Las historias del Filandar”, do contador de historias Guti, un referente imprescindible na narración oral a nivel estatal. O seu é un espectáculo creado a partir de historias persoais, dos recordos, da fabulación dos vellos narradores e das xentes que compartiron matanzas, bailes, traballos e penas.

sábado 23 regresa á Rúa dos Contos Paula Carballeira, unha das narradoras máis importantes de Galicia e que ten unha forte vinculación co festival. Estará na cervexaría A Bombonera (22.30 h) co seu monólogo “Os contos que me foron contando”. Pola súa banda, ás 00.30 h no Mesón do Pulpo, o actor David Perdomo volve aos seus inicios con “En crudo”, un monólogo que esmiúza o ridículo do xénero humano nestes momentos, con anécdotas propias, para darnos a coñecer un contador con moita sorna.

domingo 24 terá lugar a sesión dobre no Mercado Municipal de Carballo. O primeiro turno (20 h) será para a estrea en Galicia de “Tanatorium”, do infatigable e insólito artista valenciá Félix Albo, que fai un proposta unipersoal tremendamente tola sobre a vida, a morte e o silencio. Ás 21.30 h, o público volverá a gozar do mestre da narración e Xograr de Outono Quico Cadaval, que subirá ao escenario coas súas “Fantasmas familiares”.

O Fiotiño, o programa especial do festival para os máis cativos, abre hoxe o prazo para que os nenos e nenas (de 6 a 12 anos) se inscriban na “Noite branca no teatro” do Fiotiño, que terá lugar do 11 ao 12 de outubro.

O tema sobre o que se centrará esta edición será o cabaret e con esta actividade, como cada ano, os máis pequenos terán unha oportunidade de coñecer os segredos do teatro a través dun minicampamento no propio Pazo da Cultural. O prezo por inscrición, unha vez admitido, que estará aberta ata o próximo 2 de outubro, será de 20 euros, con preferencia para os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte.

Venda de entradas
No caso das entradas soltas para a programación de sala, Ciclo OTNI e sesión dobre no Mercado, poderán adquirirse por internet ata o día antes de cada función ou de forma presencial na billeteira do Pazo da Cultura nos 90 minutos previos ao inicio da representación. As entradas dos espectáculos interpretados en locais de hostalaría, como é o caso da Rúa dos Contos, poderán mercarse nos propios establecementos.

A venda de entradas estará dispoñible en internet a través da plataforma www.ticketea.com, na web oficial do festival www.fiot.gal e da súa páxina de Facebook. Tamén poderán adquirirse de forma anticipada no teléfono 902 044 226 e na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función.

>> Máis información sobre a venda de entradas aquí.

>> Consulta o programa completo.

>> Sigue todas as novidades do festival en FacebookTwitter e Instagram.