O FIOT acolle a estrea absoluta de “O Tolleito de Inishmaan” de Contraproducións

O FIOT acolle a estrea absoluta de “O Tolleito de Inishmaan” de Contraproducións

• Trátase do primeiro espectáculo da compañía Contraproducións, que comezará en Carballo a súa xira.

• O festival considera que “está máis que xustificada” a súa participación como coprodutor neste espectáculo polo seu éxito previo e o elenco de actores.

• O 16 de outubro o FIOT estrea en Galicia “La Crazy Class” e a Rúa dos Contos pechará coa estrea absoluta de “Dous homes e un vespino”.


 

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo acollerá este venres 14 de outubro a estrea absoluta de “O Tolleito de Inishmaan”, obra de Martin McDonaugh adaptada e dirixida por Cándido Pazó, e que hoxe se presentou no Pazo da Cultura da capital de Bergantiños.

Na rolda de prensa de presentación, á que asistiu a maioría do elenco de intérpretes, a representante de Contraproducións, Belén Pichel, asegurou que esta estrea “é especialmente emocionante”, xa que supón o primeiro espectáculo desta nova compañía nun formato teatral máis grande. Tamén salientou o feito de que se produza en Carballo, a súa terra natal.

Pola súa banda, Cándido Pazó destacou a querencia que existe en Galicia polo teatro irlandés, algo que proba “O Tolleito de Inishmaan”. “Parece que é algo noso, que coñecemos ás personaxes, quizais por iso tantos actores e compañías sentímonos atraídos”, manifestou. Nesta liña coincidiu un dos actores protagonistas, Evaristo Calvo, quen sinalou que o autor orixinal da obra procede “do Bergantiños de Irlanda”, o que explica “esa satisfacción dos actores de interpretar personaxes que poden ver todos os días”.

Pazó dixo que en Carballo comezará a xira de “O Tolleito de Inishmaan” por varios motivos, entre eles o feito de que nesta vila e a súa comarca siga existindo “lingua viva”, o que, na súa opinión, permite facer teatro en galego.

Outro dos actores e o impulsor orixinal desta obra xunto con Belén Pichel é Santi Romay, quen considera que interpretar o tolleito é “especialmente motivante” por ser un personaxe “precioso e abraiante” e polo éxito que McDonaugh xa tivo previamente en Carballo.

Os intérpretes Ana Santos e Marcos Pereiro tamén amosáronse “moi agradecidos” por participar neste espectáculo e a actual Xograresa de Outono, Susana Dans, que é unha das protagonistas da obra, cre que a “grandísima satisfacción” que ela e os seus compañeiros sinten sobre o escenario tamén “chegará ao público”. Nesta obra tamén actúan María Roja, Ricardo de Barreiro e Luis Iglesia, quen non puideron asistir á rolda de prensa.

O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, manifestou a “alegría inmensa de que o FIOT sexa copartícipe” como coprodutor deste espectáculo, algo que, na súa opinión, “está máis que xustificado”. O concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, dixo que a “calidade dos actores e do director” son unha “aposta segura” para que o público goce do espectáculo.

Antes da súa estrea, os espectadores poderán conversar cos intérpretes de “O Tolleito de Inishmaan” este xoves 13 de outubro ás 20.00 h no “Café con”, que terá lugar no Pazo da Cultura.

Estrea en Galicia de “La Crazy Class”

A programación de sala continúa o domingo 16 de outubro (21.00 h) coa estrea en Galicia de “La Crazy Class” (7 €) da compañía valenciana pioneira en improvisación L’Om-Imprebís. Este espectáculo é unha homenaxe ao FIOT pola súa forza para divertir, facer pensar, emocionar e pola oportunidade de asistir a unha montaxe completamente hilarante co seu xogo escénico, de luces e telóns.

Para explicar como se chega ata este divertido e vertixinoso cóctel de historias e emocións no que están moi presentes o humor e o amor, os artífices desta obra conversarán cos espectadores no “Café con” o mesmo domingo ás 19.00 h no Pazo da Cultura de Carballo.

Peche da Rúa dos Contos esta fin de semana

Este mércores 12 de outubro, no Mercado Municipal (20.00 h) volve a Carballo Sara Escudero, gañadora do último certame de El Club de la Comedia. Co seu espectáculo “No despiertes a la rana” (5 €), conta a perspectiva vital de todos os que nos vemos obrigados a medrar e defender as nosas crenzas (ou tolemias) por riba de todo. Ata mañá pódense mercar entradas no portal Ticketea.com e tamén no Mercado Municipal desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

A Rúa dos Contos, a parte máis irreverente do festival, chega á súa fin coa “Saia da Carolina” de Fantoches Baj o venres 14 de outubro (23.30 h) en A Bombonera, unha historia inspirada na tradición oral na que se xuntan contos con cantos, confesións, sermóns, locucións, trabalinguas e moito máis.

O sábado 15 de outubro (23.30 h) o Mercado Municipal será testemuña da estrea absoluta de “Dous homes e un vespino” (5 €) de Xosé Touriñán e Pepo Suevos. Estes dous populares cómicos que fixeron rir a media Galicia cos seus espectáculos, serán os encargados de pechar a presente edición da Rúas dos Contos.

Debido á alta demanda de entradas desta función, a partir do xoves 13 de outubro incrementarase o aforo en 40 localidades. As entradas poderán adquirirse a través da plataforma de televenda Ticketea.com, no teléfono 902 044 226 ou no mesmo Mercado o día da función.