O Concurso escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís cumpre 15 anos achegando aos nenos á arte dramática e á radio

O Concurso escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís cumpre 15 anos achegando aos nenos á arte dramática e á radio

O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 2 de outubro.

Poden participar grupos de 2 a 8 escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria e de asociacións de Bergantiños.

Entre os gañadores repartiranse premios por valor de 850€ en material escolar.

A final terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o domingo 8 de novembro.


 

Se unha das citas infantís obrigadas do FIOT, da que falamos hai só uns días, é a programación infantil do Fiotiño, a outra máis veterana é o Concurso escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís que nesta 24ª edición cumpre 15 anos de intensa traxectoria achegando aos nenos da comarca de Bergantiños ao teatro e á radio.

Este concurso creouse para promover a interpretación oral entre os máis pequenos e recuperar a potencialidade dramática da radio. En colaboración coa emisora local Radio Voz Bergantiños, e o patrocinio de Libraría Brañas, grupos de escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria e de asociacións de Bergantiños (entre 2 e 8 rapaces) encherán as ondas de teatro realizando unha interpretación lida dun texto teatral. O fragmento elixido será de temática libre, sendo o único condicionante que teña unha duración de 4 a 6 minutos.

A inscrición estará aberta ata o venres 2 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo, no Rexistro Auxiliar de Cultura, no Rexistro Xeral do Concello ou no fax 981 104 302. Para máis información, os interesados poden chamar ao teléfono 981 700 400. Debido a requirimentos técnicos, a organización só pode garantir a participación dos 30 primeiros inscritos. Os grupos poden estar dirixidos por unha profesor ou monitor.

Tramitada a inscrición, os responsables dos grupos serán avisados por Radio Voz a partir do 5 de outubro da data de gravación para realizar a lectura dramática. Tras escoitar os arquivos, o xurado seleccionará 3 grupos finalistas por categoría que deberán representar a súa obra en directo durante a final prevista para o 8 de novembro no Pazo da Cultura, contando coa compañía Circo Chosco coma mestres de cerimonia.

Haberá dúas categorías diferenciadas por idades. A primeira ata 10 anos e a segunda, de 11 en adiante. Para cada unha repartiranse dous premios que consistirán en libros e material didáctico por un importe total de 850€ (1º premio, 250€; 2º premio, 100€). O xurado tamén poderá conceder accésits de 150€ cada un.

O FIOT está coorganizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo; e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Agadic, da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura a través do Inaem, así como de Fundación Luís Calvo.

Deixa unha resposta