Sen barreiras, sen artificios, sen rede. Teatro mínimo, intenso, en primeiro plano, en cru. Teatro que nos asalta desde o cotián, desde a proximidade, desde espazos domésticos… nun metro cadrado.

Unha nova experiencia para o público que pode mirar aos ollos das actrices e actores, tocar, ulir e mesmo saborear. Vivir intensamente unha experiencia teatral diferente. Para experimentar este novo formato convocamos por segundo ano a novas compañías e artistas emerxentes a través do II Certame de Microteatro M2 e convidámolos a crear un espectáculo de entre 10 e 20 minutos para un dos espazos non teatrais que lles ofrecemos.

Entre as 25 propostas recibidas, un xurado seleccionou as seis máis apropiadas para unha floraría, unha vivenda, un almacén de cereais, unha galería de arte, unha panadaría ou un corredor do Pazo da Cultura. Seis espazos e teatro físico, perfomance, clown, danza, música, poesía, manipulación de obxectos…

A valoración que fagan os espectadores premiará a mellor interpretación e o mellor espectáculo.