“Iván Off” de La Casa de la Portera dá o salto ao gran escenario no FIOT de Carballo

“Iván Off” de La Casa de la Portera dá o salto ao gran escenario no FIOT de Carballo

La Casa de la Portera presentou este mércores no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo o salto ao gran escenario de “Iván Off”, a súa aclamada adaptación do Ivanov de Antón Chejov, que o próximo 7 de outubro se representará por primeira vez neste novo formato.

Na rolda de prensa de presentación, o director do espectáculo, José Martret, asegurou que tanto el como os membros da compañía están “encantados e felices” da preestrea en Carballo, xa que se trata dun festival que “interesa moito” a miles de espectadores e no que comparten cartel con outras compañías e directores “números un” do teatro.

Martret indicou que La Casa de la Portera é unha “experiencia teatral única pola súa cercanía e calidade dos actores” e que o salto de representar nun piso a un escenario teatral tradicional é todo un reto. Neste sentido, o creador do espazo escénico, Alberto Puraenvidia, trasladou ao teatro unha experiencia diferente que confía que teña unha boa acollida entre o público, como xa a tivo antes o formato de proximidade.

Tanto Martret como Puraenvidia coinciden en diferenciar a experiencia de La Casa de la Portera do microteatro, xa que representan obras de longa duración. Con máis de 300 representacións en máis de tres anos, “Iván Off” foi un formato capaz de crear tendencia en numerosas cidades españolas e que agora comeza unha nova etapa nos grandes escenarios.

Novos proxectos
Martret aproveitou a ocasión para anunciar que en dúas semanas comezará a traballar conxuntamente con Puraenvidia na adaptación teatral de “El hombre duplicado” de José Saramago. Tamén anunciou a súa intención de buscar en 2017 un espazo en Madrid para dar continuidade ás representacións teatrais en novo formato.

O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, manifestou que era toda unha “honra” acoller a preestrea de “Iván Off”, debido a que “cambiou a forma de facer teatro en España”. Ademais, Sueiro recordou que a vocación do FIOT é traer a Carballo “todo o novo e distinto” do panorama teatral. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, desexou “moito éxito” ao espectáculo e animou a todos os interesados a non perderse esta obra “que tivo tan boas críticas” nos últimos anos.

Programación de sala e “Café con”
Ademais da representación de “Iván Off” na noite do venres, a programación de sala tamén contará o domingo 9 de outubro ás 21.00 h cunha compañía referente do teatro de humor,Sexpeare Teatro, que interpretará a obra “Rinconete y Cortadillo” (7 €), do dramaturgo Alberto Conejero, gañador dun Premio Max e unha das voces máis singulares e talentosas da autoría nacional. Previamente á representación (19.00 h), celebrarase o “Café con” entre os autores e intérpretes da obra e o público.

Nas súas anteriores visitas ao FIOT, esta compañía xa sorprendeu coa súa frescura e orixinalidade e tamén polo atrevemento, o humor negro, a expresividade, o absurdo e a súa complicidade co público. Agora celebran o seu 20º aniversario cunha homenaxe a Cervantes, na que se pode recoñecer a España actual a través da que descubriu o xenial escritor do século de Ouro.

“Rinconete y Cortadillo” mergúllase na historia de Pedro del Rincón e Diego Cortado, dous personaxes que queren axustar contas con Cervantes por ter publicado ás súas costas un episodio fugaz das súas vidas pero que os condenou por sempre a responder á imaxe de pícaros.

Como o Gordo e o Fraco ou Os Pecos, Alberto Conejero presenta a un dúo que debe seguir xuntos para sobrevivir e a posibilidade de salvar o seu nome. Esta enxeñosa comedia continúa o misterioso final da novela de Cervantes, na que se combinan picaresca, amizade e a loita entre a realidade e a ficción.

Sesión dobre da Rúa dos Contos
A “ovella negra” do FIOT, a Rúa dos Contos continúa esta fin de semana cunha programación moi intensa. Así, o venres 7 de outubro ás 23.30 h terá lugar en A Barra Bar a estrea de “Concerto singular” de Píscore.

O sábado 8 de outubro, haberá sesión dobre no Mercado Municipal (dúas funcións por 5 €), que comezará ás 21.00 h coa estrea en Galicia de “Hey Bro! Hipstershow” do célebre comediante Rafael Maza (Fabiolo). Posterioremente, ás 22.30 h, o cantahumor-monologuistaRicki López asegurará as risas do público co seu espectáculo “Me tengo contento”. Á medianoite, o Dublín gozará da espectacular improvisación musical de Igmig (3 €).

Actividades do Fiotiño
O 8 de outubro, entre as 10.30 e 13.00 h, a Biblioteca Rego da Balsa será testemuña dunha das grandes novidades do Fiotiño deste ano, o obradoiro “Time Lapse”, dirixida a nenos a partir de 6 anos. Nesta actividade, os máis cativos e os adultos interactuarán nunha experiencia para estimular a imaxinación e a creatividade e que dará como resultado unha montaxe audiovisual que se poderá visualizar na web do FIOT e nas súas redes sociais.