“IPHIGENIA EN VALLECAS”: O FURACÁN MARÍA HERVÁS E O SEU IRRESISTÍBEL TORRENTE DE EMOCIÓNS SACUDIRÁN AS ENTRAÑAS DO FIOT

“IPHIGENIA EN VALLECAS”: O FURACÁN MARÍA HERVÁS E O SEU IRRESISTÍBEL TORRENTE DE EMOCIÓNS SACUDIRÁN AS ENTRAÑAS DO FIOT

O FIOT acollerá o vindeiro sábado día 20 de outubro o estreo en Galicia de “Iphigenia en Vallecas”, unha das grandes sensacións da tempada teatral. O espectáculo é da compañía madrileña Serena Producciones e poñerase en escena ás oito e media da tarde no Pazo da Cultura de Carballo.

María Hervás dará vida a Iphi, unha rapaza marxinal do barrio madrileño de Vallecas que non sabe como enfrontarse ao seu terrible presente e, o que é aínda máis grave, tampouco ao seu futuro.

Estamos, sen dúbida, ante unha das mellores montaxes da última tempada. A obra foi escrita por Gary Owen, quen gañou o premio ao mellor texto no Festival de Edimburgo e foi adaptado por María Hervás.

En “Iphigenia en Vallecas”, Serena adapta o mito grego da filla de Agamenón, Iphigenia, e a súa entrega aos deuses ofendidos para beneficiar ao seu pobo. Na obra adaptada de Owen, Iphigenia é unha moza sen recursos que vive nun barrio marxinal e que, tras namorarse dun exmilitar, cae na conta que pode dar un novo rumbo á súa vida, aínda que iso parece non importar a ninguén de cantos rodéana.

A interpretación de Iphigenia outorgou a María Hervás o premio da Unión de Actores á mellor actriz protagista. Segundo as críticas , en “Iphigenia en Vallegas” a actriz destaca pola súa gama de registros, interpetación que foi cualificada como “extraordinaria: toda a rabia, toda a dor, e o humor feroz de quen loitan por saír adiante. Iphi é unha heroína do noso tempo servida por unha actriz descomunal, puro control e entrega, soberbiamente dirixida por Antonio C. Guijosa”.