FABRICE MURGIA, O DIRECTOR DE TEATRO DAS NOVAS XERACIÓNS EUROPEAS, PRESENTE NO FIOT CUNHA ADAPTACIÓN DE “LA TRISTEZA DE LOS OGROS”

FABRICE MURGIA, O DIRECTOR DE TEATRO DAS NOVAS XERACIÓNS EUROPEAS, PRESENTE NO FIOT CUNHA ADAPTACIÓN DE “LA TRISTEZA DE LOS OGROS”

O autor belga Fabrice Murgia viaxará a Carballo para encargarse da posta en escena de “La Tristeza de los Ogros”. A cita é o vindeiro domingo día 14 de outubro, ás oito e media da tarde, no Pazo da Cultura. A obra inaugurará a sección OTNI do FIOT.

O espectáculo foi estreado en 2009, e con él Fabrice Murgia consagrouse como dramaturgo no Festival de Aviñón (Francia), foi o inicio dunha afamada e premiada carreira . Murgia recibiu o León de Prata do Festival de Cannes á mellor dirección e na actualidade é unha referencia do teatro europeo. Está considerado como o director das novas xeracións”.

Fabrice Murgia ofrecerá ao público do FIOT unha adaptación especial dunha obra que aborda a perda da infancia. Adaptada por Borja Ortiz de Gondra, a acción de “La Tristeza de los Ogros” sitúase en 2006, cando o mozo alemán Bastian Bosse asasinou a oito rapaces no instituto alemán onde estudaba tras anuncialo no seu blog persoal. Ese mesmo ano, a adolescente Natascha Kampusch escapou do seu secuestrador tras estar dez anos encerrada nun sótano: “Ambos eran adolescentes que deixaron de selo”, subliñou o autor.

“La Tristeza de los Ogros” é un espectáculo coproducido polo Théâtre National Wallonie-Bruxelles, Teatro del Canal e Teatre Lliure, e coa súa representacion será inaugurada a novena edición do OTNI do FIOT.

Os protagonistas de “La Tristeza de los Ogros”, interpretados por Nacho Sánchez e Olivia Delcán, son guiados por unha nena que exerce de mestra de cerimonias dende o mundo dos soños e que, interpretado por Andrea de San Juan, encárgase de axudar a que ambos perdan a inocencia. A montaxe obriga aos actores a un continuo uso da tecnoloxía, tal como fixeron na vida real os dous personaxes representados.