O  XX Aniversario da Rúa dos Contos e Carlos Branco e Touriñán marcan o arranque do FIOT27

O  XX Aniversario da Rúa dos Contos e Carlos Branco e Touriñán marcan o arranque do FIOT27

Mañá venres arrinca o Festival Internacional  Outono de Teatro de Carballo (FIOT), considerado o corazón do teatro en Galicia. E faino cunha celebración moi especial: a Rúa dos  Contos, o ciclo máis irreverente do festival, que este ano cumpre 20 anos baixo o lema “ Noites de Rúa  Chea”. A Rúa dos  Contos constitúe un referente en Galicia para os  monologuistas, tanto para os novos que inician a súa traxectoria como para os que buscan a súa consagración.

A primeira actuación na Rúa dos Contos terá lugar na Cafetería  Colón, prevista ás 22.00 horas, con Avelino González e o seu espectáculo “ Contos de contrabando”. Avelino González é un actor de teatro coñecido polos seus traballos en series de televisión que tamén destaca como  monologuista.

A gran festa da Rúa dos Contos continúa ás 00.00 horas no Mesón  do Pulpo con Marcos Pereiro e o seu monólogo “Como ser armario encaixado”. Pereiro é un dos actores cómicos máis relevantes de Galicia que este ano realiza a súa estrea no mencionado ciclo.

Este primeiro fin de semana, concretamente o domingo, representarase no Pazo da Cultura un dos espectáculos máis esperados polo público: “Somos  criminais” (20.30  horas), con Carlos Branco e Xosé A. Touriñán, dous cómicos que baten marcas de espectadores con esta proposta escénica.

A serie “Fariña” os catapultó este ano como actores televisivos a nivel nacional no papel de narcotraficantes e en Carballo as entradas esgotáronse en menos dúas horas. “Somos  criminais” é un espectáculo difícil de definir: “¿Teatro?, pode ser; ¿show cómico?, vai ti a saber; ¿Un experimento?, isto sen dúbida. Xulguen e decidan vostedes”.

 

IGUALDADE, LECER E  MILLENNIALS

FIOT27, que ofrece 41 espectáculos,  ten tres eixos conceptuais: a igualdade, o lecer e a conexión cos mozos. O festival arrinca mañá co grupo galego  Pulpiño  Viascón, que percorrerá as rúas de Carballo para anunciar o espectáculo de apertura, “La  Musicleta”, un pasarúas para todos. (19.00 horas).

Tamén mañá venres, o FIOT programou ás 20.30 horas, na Praza do  Concello de Carballo, a actuación do grupo valenciano A  Trócola  Circ, que representará o espectáculo “Emportats”. A compañía presenta un espectáculo de acrobacias, malabares, música e humor.

 

SÁBADO E DOMINGO DE RÚA DOS  CONTOS

O sábado, 29 de setembro, continuarán os espectáculos da Rúa dos  Contos no Mesón A Cabana, onde ás 13.00 horas Peter Punk presentará “En cru”, un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares.

O sábado tamén terá lugar a primeira das representacións programadas no Mercado Municipal: ás 21.00 horas e para todos os públicos  Manoliño  Nguema ofrecerá “ Ngoan  ntangas, dous mundos que se tocan”. Trátase dunha viaxe persoal e creativa que levará ao público desde a Guinea  postcolonial á España dos anos 60 para descubrir os lazos culturais que unen ambos países.

A terceira representación do sábado será ás 00.00 horas no Bulebar  Music Café, onde Víctor Grande poñerá en escena o espectáculo “A vida pasa  voando”. Peza con humor, canción satírica e inclúe a interacción co público.

A xornada dominical comezará cunha nova representación da Rúa dos  Contos, ás 13.00 horas no Casino 1889: Lupe Branco e Bieito  Lobariñas protagonizarán unha improvisación con retranca, o sentido do humor máis característico dos galegos.