A Virxe María ou unha nai que sofre, a Celestina, “raíña de amores e enganos”, un presidente desesperado, catro nómades en busca de espazo, a mamá galiña, Paula, –que non quere ser astronauta–, un apicultor e unha física cuántica perdidos en universos infinitos, un Edipo que foxe, unha muller invisible, un home pomba, un rapaz normal e razoable, un mestre de vida…, que nadan xuntos na noite, tres viaxeiros de tren, unha Juanita Calamidad –anti-Yerma contemporánea–, tres secuestrados, ou catro?, Mirlo e Rula, un Otelo que xa sabíamos estúpido…, todos acoden á nosa convocatoria outonal para falarnos con lucidez ao oído e cun punto de humor ou amargor e compartir con nós a súa vida –ou as súas vidas–, tendéndonos fráxiles pontes que nos convidan a cruzar.

Sitúanse en primeiro plano, interpélanos como espectadores/as,rompen a cuarta parede e, case como unha confesión, desvélannos o que non se dixo, o que aínda teñen por dicir, e conéctannos tamén co noso mundo e coas preocupacións sociais máis actuais. Quen non ten curiosidade por saber o que nos queren contar? A XXIV edición do FIOT pon o foco teatral sobre personaxes que reclaman o protagonismo da súa voz,da súa propia versión sobre a súa vida. Más aló da historia más visible ou oficial, defenden a súa mirada persoal e íntima e convértennos en testemuñas e cómplices da “súa” versión orixinal. Nesa versión íntima contaxiarannos a súa humanidade: os medos, a alegría,os soños, os fracasos, a dor, o amor…,a emoción. A arte, como dicía Bernard Shaw, axudaranos a ver a alma.Esta paisaxe humana que poboará Carballo durante un mes chega da man de creadores/as moi diversos/as,que recrean unha ampla e equilibrada gama de xéneros, estilos e linguaxes, evidenciando a riqueza da escena teatral.

Esta diversidade é o fío co que tecemos a complicidade cos espectadores e espectadoras do festival. Ampliar e fortalecer os lazos que unen o Outono de Teatro co público é sempre o propósito último co que traballamos de novembro a outubro. Porque en vós está o alento do FIOT,a súa forza e o seu futuro.A xenerosidade de quen acudides á nosa chamada, público e entidades e administracións que cada ano acrecentades a confianza no Festival Internacional Outono de Teatro, estimúlanos a ansiar ofrecer sempre algo máis. A XXIV edición propón 34 espectáculos para 37 días, 4 estreas absolutas, 1 delas dunha compañía de fóra de Galicia, 10 estreas de espectáculos en Galicia, compañías de 7 comunidades autónomas e 2 países,compañías consolidadas e emerxentes, referentes como Blanca Portillo ou Charo López, Premios Nacionais de Teatro, Premios Max e María Casares,grandes directores e directoras,creacións colectivas, ventás para novas tendencias, algunha novidade como a apertura do festival na rúa,proxectos que se amplían como a Rúados Contos coas Sesións Dobres no Mercado, ou o Fiotiño, as actividades formativas e de intermediación para espectadores/as activos/as e o rico programa expansivo do FIOT… E sobre todo, calidade. Ocupemos o noso sitio no patio de butacas dispostos/as a desempeñar o noso papel, ofrezámoslle a nosa comprensión e emoción aos personaxes e ás obras. Deámoslles a nosa réplica. A maxia do teatro non existe se non estamos todas e todos.

imagenFIOT