DÚAS OBRAS DE SALA, ESPECTÁCULOS NO OTNI E METRO CADRADO E NOMEAMENTO DO XOGRAR DE OUTONO NUN NOVO FIN DE SEMANA DO FIOT

DÚAS OBRAS DE SALA, ESPECTÁCULOS NO OTNI E METRO CADRADO E NOMEAMENTO DO XOGRAR DE OUTONO NUN NOVO FIN DE SEMANA DO FIOT

Estreo do espectáculo “Pss pss”, da compañía suiza Baccalà, este fin de semana no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), tras triunfar en máis de 50 países e gañar quince premios internacionais, incluído o prestixioso galardón do Cirque du Soleil. “Pss pss” presentarase o vindeiro venres día 19 de outubro no Pazo da cultura, ás nove da noite, dentro da programación de sala do FIOT. O espectáculo é unha montaxe rebosante de creatividade e enxeño que sen palabras transporta ao público á inocencia da infancia. A obra presenta a unha parella de “clowns” cuxos membros sosteñen un duelo xerando situacións ora cómicas ora serias, pero sempre inocentes. Todo canto din, insinúan ou dan a entender os dous actores comunícano a través do idioma universal dos xestos: a arte da mímica, do que Marcel Marceau foi un dos seus máximos exponentes. Os protagonistas e creadores de “Pss pss” son Simone Fassari e Camila Pessi, formados na Escola de Teatro Dimitri (Suiza).

Tamén o venres e dentro do ciclo OTNI do FIOT poñerase en escena o espectaculo “Salvador”, de Borja Fernández, no Pazo da Cultura ás dez e media da noite. Trátase dunha obra cuxo guión está centrado na figura dos galegos que emigraron. A metade de camiño entre o documental e a ficción teatral, destaca a combinación de texto e movementos coa música en directo e o uso de novas tecnoloxías.

Ao día seguinte, sábado 21 de outubro, o FIOT seguirá o seu andadura con dous novos espectáculos do ciclo Metro Cadrado. O primeiro, “Antes que nada”, de Faunos, representarase no Corredor do Pazo da cultura en varios pases: á unha, unha e media, sete e sete e media.

Paralelamente, na galería de arte Manolo Eirín o público dispoñerá doutra oferta: “As vacacións máis longas”, espectáculo de danza contemporánea do bailarín Diego M. Buceta.

O prato forte do sabado será a representación no Pazo da Cultura de “Iphigenia en Vallecas”, de Serana Producciones, protagonizada por María Hervás. A obra versa sobre a vida dunha moza que sobrevive sen recursos e que nin estuda, nin traballa nin sabe que facer coa súa vida.

O domingo a programación do FIOT ten unha cita especial ás oito e media da tarde no Pazo da Cultura para entregar o Xograr de Outono ao dramaturgo Manuel Lourenzo, en recoñecemento a unha vida adicada ao teatro.

Inmediatamente despois, tamén no Pazo da Cultura, será escenificada “Commedia”, de Contraproducións. Un espectáculo de humor, acrobacias e música en directo, todo iso trufado de divertidos equívocos e enxeñosos enredos: «Un xoguete escénico no que os cómicos, como fai 25 anos, non teñen outra intención que divertirse divertindo», subliñou o seu director, Cándido Pazó.

O mesmo domingo, no marco do espazo do FIOT “Café con…” e ás sete da tarde, o director de “Commedia” comparecerá na sala de TV do Pazo da Cultura para intercambiar opinións e impresións cos afeccionados ás artes escénicas e o público en xeral.