Draft.Inn e Inma Cuevas invitan ao público a participar no “Café con…” do FIOT durante esta fin de semana

Draft.Inn e Inma Cuevas invitan ao público a participar no “Café con…” do FIOT durante esta fin de semana

A compañía madrileña Draft.Inn, que representa a obra “Los nadadores nocturnos”, conversará cos espectadores hoxe ás 19.00h, xusto antes da súa función.

A protagonista da obra “Constelaciones” e gañadora do Premio á mellor actriz protagonista 2015 pola Unión de Actores, Inma Cuevas, participará no “Café con…” este domingo 18.

Aínda están á venda as últimas entradas para ver “Los nadadores nocturnos” e “Constelaciones”, dous das funcións máis importantes da programación do festival.

A comedia en formato de microteatro “Mamá Gallina” de Pez Limbo repartirá grandes doses de humor nas seis funcións de 15 minutos que ten programadas para este sábado 17.


 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) celebra dende este venres novos encontros enmarcados na actividade “Café con…”, que antes de cada función –cando as circunstancias o permitan- reúne a espectadores e artistas nun mesmo espazo para intercambiar impresións, inquedanzas e dúbidas sobre a obra que se vai a representar.

Os protagonistas do “Café con…” deste venres ás 19.00h no Pazo da Cultura serán os compoñentes de Draft.Inn, que interpretan a obra “Los nadadores nocturnos” (21.00h; 7€), considerada como unha das mellores montaxes do ano e gañadora do Max 2014 ao mellor Espectáculo Revelación, ademais de ser semifinalista en categorías como a autoría e a dirección. No encontro participarán o autor da obra, José Manuel Mora, e un dos intérpretes.

O “Café con…” do domingo 18 á mesma hora e no mesmo lugar será para Inma Cuevas e os seus compañeiros de Kendosan Producciones, encargados de representar sobre o escenario “Constelaciones” (21.00h; 7€), a premiada e orixinal peza do británico Nick Payne. Neste encontro, o público poderá coñecer curiosidades desta obra da man da gañadora do Premio á mellor actriz protagonista 2015 pola Unión de Actores, Inma Cuevas.

Últimas entradas libres para ver “Los nadadores nocturnos” e “Constelaciones”

Precisamente para ver as obras dos protagonistas dos “Café con…” desta fin de semana, os interesados aínda están a tempo de adquirir as súas entradas. No caso de “Los nadadores nocturnos”, poderán mercarse hoxe a partir das 19.30h na billeteira do Pazo da Cultura e para “Constelaciones aínda se poden reservar a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou chamando ao teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h).

O mesmo domingo, as entradas para “Constelaciones”, no caso de non esgotarse, tamén poderán comprarse antes da función na billeteira do Pazo da Cultura.

Grandes doses de humor con “Mamá Gallina” este sábado

Para os amantes do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) e para aqueles que teñan ganas de gozar dun bo momento de humor, este sábado 17 os vascos de Pez Limbo realizarán varias funcións da súa comedia “Mamá Gallina” (1€). Esta peza de microteatro representaráse no Pazo da Cultura desde as 12.30 ata as 20.30h (12.30h / 13.00h /19.00h / 19.30h / 20.00h / 20.30h).

Esta obra contén grandes doses de humor en pequeno formato (15 minutos de duración), que achega feitos insólitos a espazos cotiáns provocando situacións inverosímiles. A historia fala dun embarazo longo dunha nai novata, que saíu de contas en pleno mundial do 82 e que acode ao médico para una revisión rutinaria. A partir de aí, converterase en toda unha reflexión sobre algo máis profundo, pero sempre aderezada cun bo sentido do humor.

Debido ás prazas limitadas (15 persoas por función), os interesados poden reservar dende xa a súa entrada chamando ao Pazo da Cultura no número 981 704 300. Unha vez feita a reserva (o prazo remata hoxe ás 21.00h), poderán mercar por tan só 1€ as súas entradas (gratis para os abonados), que deberán recoller na billeteira do mesmo Pazo da Cultura hoxe ou mañá sábado antes da función.