CREANDO TEATRO: COPRODUCIÓNS E RESIDENCIAS ARTÍSTICAS DO FIOT

CREANDO TEATRO: COPRODUCIÓNS E RESIDENCIAS ARTÍSTICAS DO FIOT

Coa vontade de ir un paso máis alá da difusión e dinamización teatral, o FIOT manifesta a súa inquedanza pola creación escénica ofrecendo o seu marco para a presentación e estrea de espectáculos (nesta edición estrearemos 13 obras, das que 7 son estreas absolutas) e, desde hai xa varios anos, colaborando con compañías na xeración d novas propostas, implicándose na súa produción. Nesta edición participamos na produción de tres obras:

· Fillos do sol, con Contraproducións, co que queremos realizar unha contribución artística á conmemoración do pasamento do bergantiñán Eduardo Pondal.
· Muiñada, da compañía de Carballo Galeatro.
· La Última Cena, unha coprodución coas compañía catalá Atresbandes e Reckless Sleepers, do Reino Unido.

As tres realizarán residencias no Pazo da Cultura para a preparación do seu espectáculo, previas á súa Estrea no FIOT, o mesmo que a compañía de Cataluña Titzina Teatro, que realizará a Estrea absoluta de La Zanja.

Desde o novidoso Ciclo de Microteatro m2 redundamos tamén nos procesos de creación.Con el pretendemos detectar e visibilizar a creadores emerxentes que investigan novos formatos e espazos para o teatro. Agardamos que estas colaboracións sexan experiencias tan positivas como as anteriores e continúen a traernos moitas satisfaccións.