CERTAME DE MICROTEATRO METRO CADRADO

CERTAME DE MICROTEATRO METRO CADRADO

A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT convoca o Certame de Microteatro M². Con esta convocatoria preténdese apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadores emerxentes ofrecendo un contexto privilexiado para a presentación e estrea de espectáculos, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía en proxectos escénicos.

O Certame de Microteatro M² é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato (microteatro) concebidos para poñer en escena en espazos non teatrais nos que o público se situará a curta distancia dos intérpretes.

Os participantes deberán presentar unha proposta dramatúrxica dunha duración de entre 10 e 20 minutos creada para representala en espazos non teatrais de Carballo, determinados pola organización, e na que os espectadores ubicaranse a unha curta distancia dos intérpretes (1 m aproximadamente).

  • As obras poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que se terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación aos espazos ofertados.
  • As propostas textuais deberán estar en lingua galega.
  • A obra poderá estar destinada a público de calquera idade e estará dirixida a un número de entre 1 e 20 espectadores.

O premio consistirá na selección dunha proposta dramatúrxica para a súa representación no marco do FIOT e de 300 € unha vez representadas as pezas. Ademais dunha axuda económica de 100€ para gastos de producción e desprazamento. O xurado seleccionará de 4 a 6 propostas dramatúrxicas.
Ademais todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios:

  • 150 € Premio do Público.
  • 100 € Premio a Mellor Interpretación Feminina
  • 100 € Premio a Mellor Interpretación Masculina

Máis información aquí: 

Bases do concurso