Camilo Franco: “A comedia ten o seu misterio”

Camilo Franco: “A comedia ten o seu misterio”

Un dos críticos teatrais máis relevantes de Galicia, Camilo Franco, dirixe por segundo ano consecutivo a “Escola do Espectador”, que arranca o martes 6 no Pazo da Cultura (20.30 horas, entrada libre). A finalidade desta novidosa iniciativa enmarcada no FIOT é facilitar o achegamento do feito teatral aos espectadores. A primeira sesión leva por título “Comedia e comedias. Como rirse hoxe”. O 20 de outubro tocaralle o turno ao teatro político e o 27 aos clásicos. 

 

A Escola do Espectador aborda o xénero máis divertido na súa primeira sesión.

-A comedia. De que nos rimos agora? Dende logo, non do mesmo que hai uns anos. Nesta primeira xornada da “Escola do Espectador” analizaremos distintos tipos de comedia, como a comedia negra e a comedia de situación, e as distintas pautas do humor no teatro tendo como punto de partida as obras programadas no propio FIOT. E, por suposto, como funciona a comedia xa que a risa ten o seu misterio.

 

Cambiaron as pautas do humor?

-Hai oito ou dez anos ninguén se ría das dificultades económicas, que parecía que non existían. Hoxe a crise está presente en toda a liña do humor de xeito permanente. E iso leva asociado o retorno do humor político, como se a xente recuperara a súa identidade política. Desta maneira, a corrupción ou os banqueiros –refírome a un tipo de banqueiro– convertéronse nunha grande fonte de humor, como unha válvula de escape ou unha forma de expulsar os demos.  Por outra banda, tamén abordaremos o humor clásico de enredo.

 

Como é unha xornada na Escola do Espectador?

-Moi participativa e, lóxicamente, no caso da comedia ten que estar dotada de humor.

 

É máis difícil facer comedia que drama?

-Sí, é máis difícil facer comedia, sobre todo unha comedia intelixente, porque precisa da capacidade de interpretación do público. O drama é emocional, apela directamente ás emocións. Culturalmente, ademáis, o drama ten máis prestixio: facer sufrir está máis recoñecido que facer rir. Un comediante non ten tanto recoñecemento. A compensación está na billeteira, xa que a comedia funciona mellor comercialmente.