As novas obras de Fran Perea e Nuria Espert, pratos fortes desta fin de semana no FIOT

As novas obras de Fran Perea e Nuria Espert, pratos fortes desta fin de semana no FIOT

Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) chega a un dos momentos máis esperados desta XXVI edición, xa que os recoñecidos e populares actores Fran Perea e Nuria Espert subiranse ao escenario do Pazo da Cultura de Carballo para protagonizar as novas obras nas que participan.

Perea ponse ás ordes do director Yayo Cáceres no espectáculo El ciclista utópico” (venres 13 de outubro ás 21 h), unha producción de Feedgood Teatro, Emilia Yagüe Producciones e Teatro Calderón que se estrea por primeira vez en Galicia.

O texto, Premio de Literatura Dramática Fundación Teatro Calderón, é unha comedia mordaz e descarnada sobre amizade, manipulación ou desexos ocultos que escruta o revirado labirinto das relacións humanas. Os actores Fran Perea e Fernando Soto conversarán cos espectadores antes da función, ás 19 h, no famoso formato “Café con…”.

O sábado 14 de outubro (20.30 h), a compañía galega ilMaquinario Teatro trae a Carballo a súa nova e persoal proposta, Resaca, unha obra sobre a resaca da existencia, pero que ao mesmo tempo é unha celebración da vida e da amizade.

ilMaquinario Teatro é unha compañía que en tan só cinco anos foi recoñecida con cinco premios María Casares e candidata aos Premios Max, consolidándose como unha das de maior proxección nacional. En “Resaca” contan coa dirección do emerxente director galego Tito Asorey, quen conversará ás 18.30 h do mesmo día da función cos espectadores.

Unha sobrecolledora historia
En “Incendios” (domingo 15 de outubro ás 20 h), o seu director Mario Gas reúne a un reparto de luxo que está encabezado pola Premio Princesa de Asturias Nuria Espert. Trátase da estrea en castelán desta obra clave do século XXI, que pertence a un dos máis relevantes dramaturgos contemporáneos, Wajdi Mouawad e que tamén tivo unha gran repercusión no cine.

É unha sobrecolledora historia épica imprescindible para os amantes do teatro, convertida nunha das grandes montaxes da tempada e que xa “incendiou” o corazón do público de numerosos países.

Fiotiño e microteatro
Desde as 19 h de hoxe ata as 11 h de mañá, os nenos e nenas serán os protagonistas da “Noite branca no teatro”, que consiste nun minicampamento instalado no Pazo da Cultura de Carballo no que coñecerán como é un teatro por dentro, participarán en divertidos obradoiros e tamén crearán unha pequena obra.

“Love is a Cabaret!” é o lema desta actividade enmarcada no Fiotiño deste ano, para o que se fai acopio dos elementos que definen unha posta en escena “cabarética” como a retranca, a irreverencia, o exceso ou a reflexión.

Tamén continúa os espectáculos do Certame de Microteatro, coa representación, a partir das 18.30 h do sábado 14, nos aseos do Pazo da Cultura de “Váter (comedia claustrofóbica)”, unha peza da compañía compostelana “Sal do teatro”, que condensa unha hilarante comedia en apenas 20 minutos.

sábado 14 ás 13 h, na cafetaría Valle Inclán, Camilo Franco volve levar a crítica ao escenario coa Escola do Espectador, na que a asistencia é libre, aínda que se recomenda previa inscrición no enderezo electrónico fiot.carballo@gmail.com.
Venda de entradas
A venda de entradas estará dispoñible en internet a través da plataforma www.ticketea.com, na web oficial do festival www.fiot.gal e da súa páxina de Facebook. Tamén poderán adquirirse de forma anticipada no teléfono 902 044 226 e na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función.

 

>> Máis información sobre a venda de entradas aquí.

>> Consulta o programa completo.

>> Sigue todas as novidades do festival en FacebookTwitter e Instagram.