Arranca o Fiotiño coa “Noite branca no teatro”

Arranca o Fiotiño coa “Noite branca no teatro”

• Do sábado 24 ao domingo 25 de setembro 25 nenos e nenas poderán coñecer os segredos do teatro nunha noite moi especial.

• Os máis cativos tamén poderán participar na iniciativa “Pequeperiodistas” os días 1,15 e 22 de outubro na Biblioteca Rego da Balsa.

• Entre as novidades destaca a actividade “Time Lapse”, unha experiencia innovadora que consistirá na realización dunha montaxe audiovisual.

• O Teatro de Rúa para os nenos e nenas estará protagonizado polas compañías Trío Refugallo e Farrés Brothers.


 

A versión en pequeno do FIOT de Carballo, o Fiotiño, arrancará esta fin de semana coa cuarta edición da “Noite en branco no teatro”, unha das actividades máis exitosas entre os rapaces amantes do teatro.

Desde as 19:00 h do sábado 24 ata as 11:00 h do domingo 25 de setembro, os máis cativos poderán participar nun mini campamento de farándula no Pazo da Cultura, que lles ofrece a oportunidade de coñecer os segredos do teatro in situ e nun horario máxico: durante a noite.

Os nenos e as nenas de 6 a 12 anos serán os protagonistas de divertidos obradoiros que os achegarán emocionalmente ao teatro, conectaraos co mundo do FIOT e converteraos en protagonistas do “momento de contar un conto”. A cea, a noite nos sacos de durmir no teatro e o almorzo da mañá seguinte formarán parte desta aventura chea de xogos, sorpresas e moitas artes escénicas.

Aínda está aberto o prazo de inscrición (que remata o 22 de setembro) e o prezo por cada neno é de 20 euros, tendo preferencia os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte.

“Pequeperiodistas” e “Time Lapse”

Aos xornalistas que habitualmente seguen o festival uniranse os máis pequenos coa iniciativa “Pequeperiodistas”, a través da cal farán un seguimento informativo do FIOT. Isto permitiralles aprender a redactar novas ao tempo que entran en contacto co mundo escénico.

Deste xeito, entrevistarán aos actores que participen no festival, aprenderán a retratalos e prepararán un xornal que estará á disposición de todo o público para así gardar un recordo documental da visión dos cativos sobre esta edición tan festiva do FIOT. Celebrarase o 1, 15 e 22 de outubro na Biblioteca Rego da Balsa de 10:30 a 13:00 h. Está dirixido a 15 nenos a partir de 10 anos e a inscrición é gratuíta.

Entre as novidades deste ano destaca “Time Lapse”, un obradoiro no que fioteiros a partir de 6 anos e adultos poderán interactuar bailando, interpretando e cantando. Esta experiencia terá como resultado final a montaxe dun sorprendente vídeo. Terá lugar o 8 de outubro na Biblioteca Rego da Balsa de 10:30 a 13:00 h e a inscrición gratuíta está aberta a 20-30 prazas.

Teatro de Rúa, Teatro Lido e Yllana

Na rúa, os nenos coas súas familias tamén poderán gozar dos espectáculo “Ritmo refugallo” (30 de setembro ás 19:00 h no Xardín Municipal) do Trío Refugallo, unha animación musical e teatral no que o clown se mestura coa música feita a partir de materiais de refugallo. No Mercado Municipal, os Farrés Brothers realizarán unha viaxe revolucionaria que rozará os límites da realidade con “Tripula” (1 de outubro ás 12:30, 17:30 e 19:30 h), actividade cun prezo de 2 euros, aínda que será gratuíta para menores acompañados dun adulto, para socios da AC Telón e Aparte e abonados.

E, coma sempre, volve un veterano: o XVI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que os cativos realizarán unha interpretación lida dun fragmento teatral e poderán optar a premios por valor de 850 euros. Terá lugar a partir do 5 de outubro na emisora Radio Voz e está aberto á participación de ata 30 grupos de 2 a 8 anos de idade.

Como aperitivo do FIOT, este venres 23 de setembro ás 21:00 h subirase ao escenario do Pazo da Cultura a compañía Yllana para celebrar os seus tamén 25 anos co seu espectáculo “Yllana 25”. Serán 90 minutos para resumir 25 obras, máis de 2.000 representacións en 30 países vistas por preto de 2 millóns de espectadores. A entrada ten un prezo de 10 euros e pode adquirirse na plataforma Ticketea.com, no teléfono 902 044 226 ou o venres na billeteira do Pazo da Cultura entre as 19.30 h e u cuarto de hora antes da función.