Actores, directores e personalidades televisivas, protagonistas da campaña de redes do FIOT

Actores, directores e personalidades televisivas, protagonistas da campaña de redes do FIOT

Este venres arranca a XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que converte a vila de Carballo no corazón das artes escénicas de Galicia durante algo máis dun mes. Por iso, rostros coñecidos do teatro, o cinema e a televisión xa están anunciando a súa participación a través dunha campaña en redes sociais.

Baixo o lema “All you need is FIOT”, algúns dos intérpretes que actuarán este ano e parte dos que subiron ao escenario en edicións anteriores avanzan a súa participación nun festival que contará coa representación de 34 obras, das cales sete son estreas absolutas e outras sete estreas en Galicia.

Actores e directores referentes
O FIOT 26 será un dos de maior calidade da súa historia, coa asistencia dalgúns dos directores teatrais de referencia do momento na escena española, como Pablo Messiez, Alfredo Sanzol, Yayo Cáceres, Mario Gas e Miguel del Arco. Entre os galegos, destaca o dramaturgo e director de referencia Cándido Pazó, así como Tito Asorey. Precisamente entre os directores, Pablo Messiez e Cándido Pazó son dous dos que protagonizan a campaña en redes sociais.

Entre os intérpretes, Fran Perea avanza a súa actuación en “El ciclista utópico”, que chegará a Carballo o 13 de outubro, do mesmo xeito que o fan Marta Lado e Quico Cadaval, que amenizarán as noites carballesas na Rúa dos Contos.

Tamén participan na campaña caras familiares doutros anos, como María Tasende, David Amor, Isabel Risco e Rober Bodegas, ademais dun dos rostros televisivos do momento, o enxeñoso Robert Vilar, presentador do exitoso late night show da TVG, o “Land Rober Tunai Show”.

Precisamente Roberto Vilar é o encargado de inaugurar esta serie de vídeos e, nos vindeiros días, iranse publicando novas pezas audiovisuais co resto de protagonistas, que estarán dispoñibles nos perfís de FacebookTwitter e Instagram do festival.

Pódense enviar vídeos doutros artistas que aínda non se difundiron en redes sociais para aqueles xornalistas que o soliciten.

>> Consulta aquí o programa completo.

>> Sigue todas as novidades do festival en FacebookTwitter e Instagram.