Aberta a inscrición de voluntarios  para o FIOT 2017

Aberta a inscrición de voluntarios para o FIOT 2017

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo vén de abrir a inscrición de persoas participantes como voluntarios na súa XXVI edición, e da que en breve se dará a coñecer todos os seus detalles.

Coordinado polo equipo do festival, impulsado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, o programa de voluntariado foi creado hai sete anos para permitir á cidadanía formar parte da organización deste evento de gran transcendencia cultural.

O único requisito para ser voluntario é ter unha idade mínima de 18 anos. Cada participante debe cubrir unha ficha indicando a súa dispoñibilidade horaria e de datas, así como as súas preferencias.

As tarefas céntranse na atención ao público, tanto na recepción como en sala e no conxunto de actividades do festival (Ciclo OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, etc.). Tamén poden prestar apoio puntual na billeteira e na recepción de compañías teatrais e os seus compoñentes.

Dado que o festival arrancará o próximo mes de setembro e para unha mellor planificación, aconséllase que a inscrición se realice nos próximos días, contactando co servizo de Cultura a través do teléfono 981 704 300 ou a través dos email administracion@fiot.gal e fiot.carballo@gmail.com. Os interesados tamén poderán inscribirse de forma presencial nas oficinas do Pazo da Cultura (Rúa do Pan s/n, Carballo).

Nos próximos días darase a coñecer a imaxe e información en detalle sobre a XXVI edición do FIOT nun acto ao que se convocarán os medios de comunicación.