A Rúa dos Contos chega á maioría de idade  con 8 noites de espectáculos e 4 estreas

A Rúa dos Contos chega á maioría de idade con 8 noites de espectáculos e 4 estreas

A parte máis divertida e irreverente do FIOT, a Rúa dos Contos, chega á maioría de idade ao celebrar a súa 18ª edición, que contará con 16 obras, algunhas con formato dobre. Catro destes espectáculos serán estrea, tres delas absolutas e unha en Galicia.

Durante tres fins de semana (do venres 30 de setembro ao sábado 15 de outubro), 10 locais de hostalaría de Carballo encheranse de narracións, monólogos, teatro, maxia, música, títeres, teatro xestual, tradición oral, cabaré e moito humor, dado que esta edición está centrada na comedia.

O venres 30 de setembro, ás 22.30 h, A Barra Bar será o primeiro local en acoller unha obra da Rúa dos Contos, da man de Limiar Teatro, que mesturará comedia e gastronomía na súa obra “Don Quixote. Unha comedia gastronómica”. A continuación, ás 12 da noite, o popular e querido Manuel Manquiña levará o seu “Humor á galega(5 €) ao Mesón do Pulpo.

O sábado 1 de outubro a programación vai desde a “Sesión Vermú” (13.00 h na rúa Coruña ou A Barra Bar no caso de choiva) de Elvis Negro e Traskiband ata “Que contar sempre hai” de Celso Sanmartín (00.00 h no Café bar Colón), considerado un dos mellores contadores de historias de Galicia.

Estreas absolutas e en Galicia

Na noite do sábado, o Mago Álex estreará por primeira vez o seu espectáculo de maxia e ilusionismo “De ilusións tamén se vive”, no Ágora (21.00 h). No Bulebar musicafé, ás 22.30 h, Daboapipa presenta a súa última obra “Lavandeiras”, coa que espera deixar o bo sabor de boca que xa deixou na súa participación no festival o ano pasado.

Ademais da obra “De ilusións tamén se vive” do Mago Álex, a Rúa dos Contos acollerá outras dúas estreas absolutas e unha en Galicia. Esta última estará protagonizada por Fabiolo coa súa obra “Hey Bro! Hipstershow”, na que reflexiona sobre a esencia das persoas hipster: nace ou faise? Que foi antes, o hipster ou a galiña? Esta actuación terá lugar na sesión dobre do Mercado Municipal do sábado 8 de outubro, ás 21.00 h. Posteriormente, ás 22.30 h, collerá o relevo o cantahumor-monologuista Ricky López con “Me tengo contento”. O espectador poderá ver ambos espectáculos por só 5 euros.

Nesa mesma fin de semana, ás 23.30 h do venres 7 de outubro en A Barra Bar, a formación musical Píscore fará a estrea absoluta de “Concerto singular”, unha musicomedia na que se presentará unh gran conflito: catro músicos para 16 baquetas e unha marimba. O sábado 15 de outubro estréase no Mercado MunicipalDous homes e un vespino(5 €), dos populares cómicos Xosé Touriñán e Pepo Suevos, que xa fixeron rir a media Galicia cos seus espectáculos en solitario.

 

Teatro de Rúa

A inauguración do FIOT, despois do aperitivo de Yllana, correrá a conta do teatro de rúa da Compañía Manolo Alcántara, premio do Público FIOT 2011. O 30 de setembro, no Mercado Municipal, ás 21.00 h, presentarán “Rudo”, un espectáculo de circo persoal e singular, que experimentará o risco e que tivo grande acollida en

España e no estranxeiro. Esta obra tamén está catalogada dentro da categoría OTNI do festival.

O sábado 1 de outubro estréase en Galicia o espectáculo familiar “Tripula”, dos Farrés Brothers i Cía, no que despregarán un sorprendente globo estático. Enmarcado tamén no Fiotiño e OTNI, realizará tres sesións (12.30, 17.30 e 19.30 h) no Mercado Municipal, aínda que é posible que se traslade ao Pazo da Cultura debido a cuestións técnicas, o que se comunicará a través das redes sociais e mediante carteis no propio Mercado. As entradas venderanse unha hora e media antes do inicio de cada sesión, en horario de taquilla.