A Rúa dos Contos amenizará as noites do FIOT cunha vintena de espectáculos e as novidosas sesións dobres no Mercado Municipal

A Rúa dos Contos amenizará as noites do FIOT cunha vintena de espectáculos e as novidosas sesións dobres no Mercado Municipal

Durante as primeiras dúas fins de semana de outubro, 18 espectáculos encherán os locais de hostalaría de Carballo con contos, monólogos, música e moita maxia.

O Mercado Municipal acollerá, como novidade este outono, as sesións dobres que permiten aos espectadores obter un pase para dous espectáculos por 5 euros.

Este venres 2 de outubro Antón Coucheiro elixe Carballo para facer a estrea en España da súa obra “Múltiple” no mesón A Cabaña.

As entradas para os espectáculos de pago pódense adquirir de forma anticipada por Internet, teléfono e nos locais nos que se representan.


 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) encherá a partir deste venres 2 de outubro os locais de hostalaría de Carballo co inicio da XVII edición da Rúa dos Contos, que este ano ten programados 18 espectáculos aderezados con contos, monólogos, música, maxia, improvisación, clown e variedades e que se celebrarán nas dúas primeiras fins de semana de outubro, converténdose no aperitivo da programación de sala e do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado).

O arranque desta nova edición correrá a cargo de Antón Coucheiro, quen elixiu o mesón A Cabaña (21.00 h) para facer a estrea en España da súa obra “Múltiple”. Este espectáculo cómico e participativo irá esfiando historias improvisadas sobre os alter ego do
protagonista e estará acompañado pola música en directo de Túlio Rosendo.

Tras a representación de Coucheiro, os espectadores poderán seguir en bares e pubs unha ampla programación que inclúe seis estreas de obras, tres delas absolutas e outras tres en Galicia, que se suman aos grandes referentes que fan da Rúa dos Contos un emblema da narración oral na nosa comunidade.

Grandes referentes para as sesións dobres

A primeira fin de semana da Rúa dos Contos revolucionará a noite carballesa cunha programación para todos os gustos. Así, o venres 2 de outubro na cafetería Colón (22.30 h) a narradora Paula Carballeira dará vida a varias historias que teñen como eixo vertebrador a memoria. Xusto á medianoite, a cervexaría A Boa Estrela vibrará co “Humor Salvaxe” do contador ferrolán Pepo Suevos, avalado por máis de mil actuacións e que non deixa indiferente a ninguén coa súa verba irreverente.

O sábado 3, a compañía Daboapipa levará ao bodegón O Pescador (21.00 h) os contos dos nosos maiores e a realidade na que vivían, aínda que dun xeito cálido e divertido. O cantante dos Revenidos, Manuel de Eva, tamén fará gala do seu gran talento a través dun espectáculo divertido e moi sorprendente na cervexaría Ágora (22.30 h). Na medianoite do sábado, A Barra Bar será testigo da estrea en Galicia de “El fin del mundo está cerca”, un concerto teatralizado que conta coa música de Chanson Mor Món e no que se exorcizarán dun xeito moi peculiar algúns dos hits de chiringuito dos últimos anos.

O Mercado Municipal acaparará todas as miradas o domingo 4 coa sesión dobre (dúas funcións por 5 euros) protagonizada por dous grandes referentes do panorama teatral. Despois de conquistar os escenarios de Europa, África e América, ás 20.00 h, o mestre da narración Félix Albo presenta “El pueblo de los mellados”, unha historia delirante de humor e intriga na que ninguén é o que parece. Pola súa banda, os incombustibles Mofa e Befa lanzan ás 21.30 h o seu espectáculo “Sempre ao lonxe”, que substitúe a “A Galiña” por motivos alleos á organización do FIOT. Esta obra toma como referencia a melancolía pola superstición racial que a ciencia enviou para sempre ao caixón dos recordos.

Sesións dobres por 5 euros

Unha das principais novidades deste ano son as sesión dobres no Mercado Municipal de Carballo, que permiten obter un pase para dúas funcións nas que actúan grandes referentes do teatro nacional e internacional por tan só 5 euros e que se poden mercar de forma anticipada en Internet.

Ademais, aínda que moitos dos espectáculos son de balde, as poucas funcións que teñen custe pódense adquirir por Internet a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500, así como nos propios locais nos que se representan. Se quedasen entradas libres, o mesmo día do espectáculo pódense mercar na billeteira do Mercado Municipal a partir das 19.30 h.

Para que a Rúa dos Contos sexa posible, cóntase coa participación de numerosos locais de hostalaría de Carballo, como son o mesón A Cabaña; o bodegón O Pescador; as cafetarías Colón e Valle Inclán; as cervexarías A Boa Estrela, Ágora, A Bombonera e Dublín; os pubs Suite Bule e O’Patacón e A Barra Bar.

O FIOT, 37 días de programación

Ata o 31 de outubro, un diverso e completo XXIV FIOT potenciará a relación co público para afianzar Carballo como a capital teatral do outono galego. En total, serán 37 días de intensa actividade polos que discorrerán 34 espectáculos, 4 estreas absolutas, 1 delas dunha compañía de fóra de Galicia (Producciones Meridional con “Los esclavos de mis esclavos”), 10 estreas de espectáculos en Galicia, compañías de 7 comunidades autónomas e 2 países (Portugal e Arxentina), tanto consolidadas como emerxentes; e referentes como as actrices Blanca Portillo e Charo López, premios nacionais de teatro, premios Max e María Casares; ou Inma Cuevas e os directores Yayo Cáceres, de Ron Lalá Teatro e Agustí Villaronga, realizador da premiada película “Pa Negre” nos Goya 2011.

O FIOT está coorganizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo; e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Agadic, da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura a través do Inaem, así como de Fundación Luís Calvo Sanz.

DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA DA RÚA DOS CONTOS