A “Escola do Espectador” do FIOT analizará mañá as principais claves do teatro contemporáneo

A “Escola do Espectador” do FIOT analizará mañá as principais claves do teatro contemporáneo

Na súa terceira sesión indagará nos cambios que experimentaron as artes escénicas nos últimos anos en todas as súas variantes.

Un dos críticos teatrais máis importantes de Galicia, Camilo Franco, dirixe estos encontros nos que hai unha participación divertida e amena por parte do público.


 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) acollerá mañá xoves 22 de outubro a terceira sesión da “Escola do Espectador”, que repite por segundo ano consecutivo tras o éxito da súa primeira edición. A actividade terá lugar ás 20.30h no Pazo da Cultura de Carballo e analizará as claves do teatro contemporáneo.

Este espazo, que volve a estar dirixido por un dos críticos teatrais máis importantes de Galicia, Camilo Franco, indagará no teatro contemporáneo, descubrindo aquelas pezas teatrais nas que os xéneros están máis difusos ou nas que se misturan con total naturalidade. Este espazo tamén se aproveitará para facer referencias a algunhas das obras que se representan durante o festival co obxectivo de entender mellor as tendencias das artes escénicas actuais.

Este achegamento do teatro aos espectadores continuará a vindeira semana, xa que na xornada do martes 27, os espectadores poderán coñecer de primeira man o concepto dos clásicos teatrais, algo que no teatro sempre é moi difícil de definir. Facendo alusións a obras programadas nesta 24 edición do FIOT, como “Édipo”, “Othelo” ou “Strpts//Episodio 1: Mirlo&Rula”, a “Escola do Espectador” debatirá que é en realidade un clásico e se é posible falar dunha versión orixinal dunha obra ou se esta muda co paso do tempo e do contexto social e cultural.

O teatro político, tamén a debate

Precisamente o pasado martes, os espectadores puideron analizar as claves do teatro político, tanto dende o punto de vista da comedia como do drama, entre outros xéneros, ao tempo que amosou aos espectadores que nos escenarios tamén existe esa distancia entre a política teórica e o que realmente é política.

Facendo referencia ás obras que forman parte do programa do festival, Camilo Franco percorreu a traxectoria do teatro político nos últimos anos, nos que este xénero pasou dun tono panfletario a ocuparse moito máis de historias nas que se ve reflexada a xente. De feito, hoxe en día, o teatro político ten unha gran aceptación e éxito entre o público, xa que a xente está máis familiarizada e cómoda cos comentarios políticos.

Unha actividade participativa e divertida

O eixo principal da “Escola do Espectador” é o achegamento do feito teatral aos espectadores e formalos naqueles aspectos artísticos e técnicos que permitan a comprensión das obras que durante todo o mes de outubro se representan no FIOT.

O obxectivo, ante todo, é que o público amplíe a súa lectura e forme unha opinión fundamentada sobre o que está vendo. Tal e como apunta Camilo Franco, esta actividade é moi útil para os espectadores, sendo moitos os que repiten nesta edición tras o éxito do ano pasado, e na que protagonizan unha participación moi interactiva e divertida.

A asistencia á sesión da “Escola do Espectador” é gratuíta, aínda que se recomenda aos interesados que se anoten previamente en fiot.carballo@gmail.com ou soliciten máis información no teléfono 981 704 300.