A “Escola do Espectador” do FIOT analiza hoxe as principais claves do teatro político

A “Escola do Espectador” do FIOT analiza hoxe as principais claves do teatro político

Na súa segunda sesión indagará nos cambios que experimentou este xénero nos últimos anos, abarcando todas as súas variantes.

Un dos críticos teatrais máis importantes de Galicia, Camilo Franco, dirixe estos encontros nos que hai unha participación divertida e amena por parte do público.

 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) acolle hoxe martes a segunda sesión da “Escola do Espectador”, que repite por segundo ano consecutivo tras o éxito da súa primeira edición. A actividade terá lugar ás 20.30h no Pazo da Cultura de Carballo e analizará as claves do teatro político en todas as súas variantes.

Este espazo, que volve a estar dirixido por un dos críticos teatrais máis importantes de Galicia, Camilo Franco, indagará no teatro político tanto dende o punto de vista da comedia como do drama, entre outros xéneros, ao tempo que amosará aos espectadores que nos escenarios tamén existe esa distancia entre a política teórica e o que realmente é política.

Facendo referencia ás obras que forman parte do programa do festival, Camilo Franco percorrerá a traxectoria do teatro político nos últimos anos, nos que este xénero pasou dun tono panfletario a ocuparse moito máis de historias nas que se ve reflexada a xente.

De feito, hoxe en día, o teatro político ten unha gran aceptación e éxito entre o público, xa que a xente está máis familiarizada e cómoda cos comentarios políticos.

 

Unha actividade participativa e divertida

O eixo principal da “Escola do Espectador” é o achegamento do feito teatral aos espectadores e formalos naqueles aspectos artísticos e técnicos que permitan a comprensión das obras que durante todo o mes de outubro se representan no FIOT.

O obxectivo, ante todo, é que o público amplíe a súa lectura e forme unha opinión fundamentada sobre o que está vendo. Tal e como apunta Camilo Franco, esta actividade é moi útil para os espectadores, sendo moitos os que repiten nesta edición tras o éxito do ano pasado, e na que protagonizan unha participación moi interactiva e divertida.

A asistencia á sesión da “Escola do Espectador” é gratuíta, aínda que se recomenda aos interesados que se anoten previamente en fiot.carballo@gmail.com ou soliciten máis información no teléfono 981 704 300.