A creación contemporánea de Vaivén Circo abre o XXIV FIOT na Praza do Concello de Carballo

A creación contemporánea de Vaivén Circo abre o XXIV FIOT na Praza do Concello de Carballo

A representación de “Deshábitat” este venres 25 adiántase media hora e en lugar de ás 21.00h será ás 20.30h.

Esta historia que leva o FIOT á rúa conta, desde o movemento, a necesidade do individuo de atopar o seu propio espazo vital.

A partir do venres 25 de setembro, o público poderá comprar os bonos restantes e entradas soltas para as funcións de sala a través do sistema de televenda de ataquilla.com.

O sábado 26 a partir das 13.00h, a rúa Coruña acolle un concerto homenaxe ao creador da imaxe do FIOT desde os seus inicios ata 2011, Alberto Gende.


 

Tras a presentación a semana pasada do XXIV Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a conta atrás para o comezo dos espectáculos párase este venres 25 e sábado 26 cunha novidosa apertura da programación e o primeiro espectáculo da XVII Rúa dos Contos.

O venres 25 de setembro (20.30h) na Praza do Concello de Carballo terá lugar a apertura do Outono de Teatro coa compañía andaluza Vaivén Circo que trae á capital de Bergantiños o seu espectáculo de creación contemporánea “Deshábitat”. Debido a causas alleas á organización, o inicio previsto para as 21.00h adiántase media hora. En caso de previsión de mal tempo, o evento trasladarase ao 2º andar do Mercado Municipal. En calquera caso, a entrada é gratuíta.

Esta historia que abre o FIOT na rúa conta, desde o movemento e coa linguaxe escénica propia e recoñecible de Vaivén Circo, a necesidade do individuo de atopar o propio espazo vital. O público que pasado mañá á tardiña se achegue á Praza do Concello de Carballo poderá gozar con xesto, coreografías circenses, acrobacias, danza, unha escenografía viva e moito circo.

A liña argumental é sinxela e complicada ao mesmo tempo, como a propia existencia humana; é unha “versión orixinal” das moitas que compoñen este 24 FIOT. Catro persoas buscan un lugar onde sentirse na casa. Un lugar que non esperan, no que deixou de haber vida, que non sabe deles, pero onde queren estar. É un sitio que os fai sentir ben e os acolle, e xunto a uns compañeiros descoñecidos, uns personaxes que queren tranquilidade, cooperan para conseguila. Pero, como normalmente ocorre nas relacións humanas, xorden pequenas rifas que se teñen que superar con humor, con poesía, con risco, con circo, nun ambiente que transportará aos espectadores a un mundo cheo de matices. O deseño da escenografía e do vestiario leva a firma de Vaivén Circo, sendo a música orixinal de Iván Monje e a coreografía de Raquel Pretel e Natalia Ferrándiz. “Deshábitat” está dirixida por Rosa Díaz, Premio Nacional para la Juventud 2011.

Con catro traballos na súa traxectoria, o equipo multidisciplinar de Vaivén Circo está formado por Miguel Moreno “Bolo” e Raquel Pretel (os fundadores), Chema Martín e Emilio López. Desde a súa creación en 2008 foron reservando un espazo propio no panorama nacional e internacional grazas á súa presenza nos festivais máis relevantes entre os que cabe destacar Shizuoka (Xapón) “Copa del Mundo de Artistas de Calle, Daidogei”, como invitados especiais. Proba da súa boa acollida é que co seu anterior espectáculo “Do not disturb” estiveron 3 anos de xira, recorrendo gran parte de Europa e sumando unhas 270 funciones.

Homenaxe a Alberto Gende

O FIOT e o festival de música Sereas e Piratas únense o sábado 26 (13.00h) na rúa Coruña para lembrar a Alberto Gende, deseñador gráfico, Xograr de Outono 2012 e creador da imaxe de ambos eventos durante anos. No caso do FIOT, desde os seus inicios ata o 2011. Esta sesión vermú, que volve levar o Outono de Teatro á rúa, é un concerto homenaxe ao creador a cargo dos seus amigos do mundo da música: Luís Rivera e membros da primeira formación de Chicharrón, entre eles Alberto, que presentarán os seus respectivos discos dedicados ao carballés. En caso de choiva, a cita será no bar A Barra (r/ Vázquez de Parga, 30).

Venda de bonos e entradas para público en xeral

A partir do venres 25 de setembro, o público en xeral poderá comprar os bonos aínda dispoñibles (70€ e 65€ prezo reducido) e entradas soltas para as funcións de sala a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500 (9.00h a 22.00h). De quedar butacas libres, os espectadores poden acudir á billeteira do Pazo da Cultura, hora e media antes do inicio (19.30 a 21.00h) de cada función.

Tamén a partir do venres da vindeira semana, os tickets da Rúa dos Contos poderán adquirirse tanto os días de función como antes nos locais participantes, excepto para as sesións dobres da Rúa dos Contos (4 e 10/10) que se fará vía telemática e na billeteira do Mercado Municipal os días de función. Os socios de Telón e Aparte terán o 50% de desconto presentando o seu carné.

37 días de programación

Ata o 31 de outubro, un diverso e completo XXIV FIOT potenciará a relación co público para afianzar Carballo como a capital teatral do outono galego. En total, serán 37 días de intensa actividade polos que discorrerán 34 espectáculos, 4 estreas absolutas, 1 delas dunha compañía de fóra de Galicia (Producciones Meridional con “Los esclavos de mis esclavos”), 10 estreas de espectáculos en Galicia, compañías de 7 comunidades autónomas e 2 países (Portugal e Arxentina), tanto consolidadas como emerxentes; e referentes como as actrices Blanca Portillo e Charo López, premios nacionais de teatro, premios Max e María Casares; ou Inma Cuevas e os directores Yayo Cáceres, de Ron Lalá Teatro e Agustí Villaronga, realizador da premiada película “Pa Negre” nos Goya 2011.

O FIOT está coorganizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo; e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Agadic, da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura a través do Inaem, así como de Fundación Luís Calvo Sanz.

Deixa unha resposta